Lugo mobilízase contra o cancro cunha carreira e unha andaina solidaria

LugoXa
A cita será o 12 de abril na praza da Horta do Seminario e busca promover hábitos saudables
lugo_en_marcha_polo_cancro_2023
26 Mar 2025

A cidade de Lugo prepárase para acoller unha nova edición de Lugo en Marcha Contra o Cancro, un evento solidario organizado pola Asociación Española Contra o Cancro en Lugo que combinará deporte e sensibilización. A xornada terá lugar o sábado 12 de abril na praza da Horta do Seminario e contará con dúas modalidades de participación: unha andaina aberta a todas as idades, que percorrerá o adarve da Muralla a partir das 18:00 horas, e unha serie de carreiras que darán comezo ás 19:00 horas, incluíndo unha proba de 5 km para adultos e carreiras infantís.

O obxectivo principal desta iniciativa é concienciar sobre a importancia dun estilo de vida saudable para a prevención do cancro, fomentando a práctica de exercicio físico e unha alimentación equilibrada.

As inscricións xa están abertas e poden realizarse a través da web lugocontraocancro.es ou de maneira presencial na sede da Asociación, situada no Carril dos Loureiros, 17. A recollida de dorsais e camisetas estará dispoñible o venres 11 de abril de 16:00 a 19:30 horas e o sábado 12 de abril de 11:00 a 13:30 horas na sede da Asociación. Ademais, o propio sábado pola tarde, a partir das 15:00 horas, tamén se poderán retirar na Praza da Horta do Seminario.

Os prezos de inscrición variarán segundo a modalidade: tanto a carreira infantil como a andaina terán un custo de 5 euros para menores e 10 euros para adultos, mentres que a carreira de 5 km para adultos terá un prezo de 10 euros. Para aqueles que desexen colaborar pero non poidan participar, está dispoñible a opción do dorsal cero, unha achega solidaria sen necesidade de competir.

Todos os fondos recadados destinaranse a mellorar a calidade de vida das persoas con cancro e as súas familias, así como a impulsar a investigación oncolóxica, co obxectivo de alcanzar unha taxa de supervivencia do 70 % para o ano 2030.

⚙ Configurar cookies
0.1699800491333