Lugo Monumental alcanza os 163 socios e renova a directiva
Lugo Monumental alcanza os 163 socios. En consonancia con este aumento, a directiva incrementa o seu número e está composta por 13 membros de moi diferentes profesións e sensibilidades. Deste xeito, a asociación está composta actualmente por 163 locais xestionados baixo diferentes formas legais (persoas físicas e xurídicas) e de moi distintos campos de actuación.
A día de hoxe a composición correspóndese cun 62 % de comercio, 22 % de hostalería e 16 % de servizos entre os que se inclúen cuestións tan diversas como xestorías, salóns de peiteado ou outros servizos persoais. Desde que Lugo Monumental recuperou a súa actividade en 2012, en que 17 locais tomaron a iniciativa de revitalizar a Asociación, o crecemento foi constante e as baixas debéronse maioritariamente a xubilacións, traslados de negocios fóra de murallas e peches, sendo estes últimos, afortunadamente, a causa menos habitual.
En espazos como a Praza de Abastos e o Mercado de Quiroga Ballesteros, Lugo Monumental sinalan que é a asociación máis representativa, e de feito a única que está a operar actualmente en representación dos industriais de ambos os espazos. Incluso a Asociación do Mercado disolveuse para integrarse en Lugo Monumental. A directiva que agora se presenta inclúe a tres persoas de Praza e Mercado, para dar relevancia á gran importancia que este espazo ten no centro histórico.
Lembran que o baixo custo da pertenza á asociación, de tan só 50 euros anuais, ademais do seu dinamismo e o funcionamento participativo e transparente #ante o asociado, son as claves deste crecemento. Aínda que o portavoz e a cabeza visible de Lugo Monumental é o seu presidente, todas as decisións tómanse mediante votacións en tempo real grazas á participación dos socios nun grupo de debate de telefonía móbil, e tanto os posicionamentos da Asociación como as súas iniciativas acórdanse con todos os asociados.
En canto ás actividades, a directiva organízanse contando cos asociados, polo que tamén se trata de accións moi participativas. O crecemento de Lugo Monumental permitiulle dar un paso que ata o de agora non se atreveu a afrontar, co alugueiro dun pequeno local para ser a súa sede social. A asociación pasará a ter o seu domicilio no local nº 13 da rúa da Raíña Nº 6, onde manterá unha oficina en que se atenderá mediante cita previa, e un almacén.
Aínda que actualmente estase utilizando para reunións internas, faltan algúns detalles para poder facer unha inauguración pública, que se estima que terá lugar nunhas poucas semanas. En canto á directiva, en xaneiro deste ano a Asemblea reelixiu por unanimidade a Luis Latorre Real como presidente, e este, de acordo aos estatutos da entidade, iniciou un proceso de renovación da directiva, aumentando a súa composición para reflectir o incremento de socios. Na secretaría está Susana Varro Parga, como tesoureiro exerce Diego Rodríguez Rodríguez e como vogal, Antonia M. Iglesias Martínez.