Lugo Monumental amósase satisfeita polo respaldo do Supremo
Desde a Asociación Lugo Monumental "non podemos estar máis satisfeitos polo respaldo do Tribunal Supremo ás teses que sempre mantivemos. A decisión da máis alta instancia xudicial do país pon punto e final a unha discusión estéril en que sería absurdo seguir perdendo o tempo. Agora non é momento de reproches ou de triunfalismos, senón de mirar ao futuro con prudencia pero cun moderado optimismo e sentido común", din dende o colectivo.
Modificacións dos aforos
Tamén quixeron valorar positivamente a ampliación dos aforos anunciados pola Xunta de Galicia, que "mellora a situación en xeral, non só en relación ao decreto publicado o pasado venres, senón mesmo ás medidas que estiveron vixentes durante o pasaporte Covid. Entendemos que a administración reflexionou sobre as duras restricións que se publicaron en previsión da anulación da esixencia do certificado de vacinación e que moderou as súas esixencias", engaden.
"A pesar deste esforzo, hai cuestións que non compartimos e que van contra o máis elemental sentido común. É rechamante que se siga insistindo en establecer diferenzas nas limitacións da hostalería en xeral e do lecer nocturno, aplicando un prexuízo sobre certos locais", defende desde Lugo Monumental, "consideramos que non é razoable diferenciar entre os tipos de establecemento segundo a súa licenza, é chocante que en nivel extremo a terraza dunha cafetería teña que estar ao 50% e a dun pub poida estar ao 75% mentres o interior da primeira en nivel Alto está ao 30% e o do segundo ha de pechar".
Menos comprensibles son aínda "estas diferenzas no exterior, aplicándose distintas porcentaxes nas terrazas segundo o local, insistíndose ademais en limitar as mesas por aforo en lugar de por distancias, que sería o razoable ao aire libre. No caso do lecer nocturno téntase compensar o peche do interior cunha ampliación da capacidade das terrazas, pero no resto da hostalería non se aplica esa lóxica", engaden.
Desde Lugo Monumental consideran que en exterior, e sempre que se garden as distancias de seguridade entre as mesas, o aforo ha de ser do 100%.