Lugo Monumental considera que a campaña de Nadal está a ser un éxito
O colectivo Lugo Monumental considera que a campaña de Nadal foi un éxito. Confía en que os días que quedan por diante, coas datas próximas de Fin de Ano e Reis, se siga con esta tónica na que hostaleiros e comercios están tendo unha gran acollida por parte dos veciños de Lugo.
Lugo Monumental detecta que o público é cada vez máis consciente da importancia de realizar as compras nos negocios de proximidade, mantendo as rúas vivas e de que, tan só as empresas locais garanten que os impostos, os postos de traballo e mesmo as ganancias permanecen na cidade, o que redunda no beneficio de todos.
O cartel é breve pero moi explícito: “Grazas por facer as túas compras no comercio de Lugo Lugo. Cheas de vida as rúas e axúdasnos a crear emprego e xerar riqueza na túa cidade”
Colaboración municipal
Ademais, dende a plataforma Lugo Monumental agradecen a colaboración do Concello de Lugo, que cedeu á Asociación o uso de 25 MUPIs distribuídos por toda a cidade. Un punto que foi a clave para que a campaña chegara aos lucenses.
De Lugo Lugo
A campaña De Lugo Lugo presentada en novembro está tendo unha gran acollida. Dende a súa sinxeleza busca concienciar ao público da importancia de facer as súas compras no comercio local para, así, ter postos de traballo en Lugo e xerar riqueza na cidade, o que revirte no conxunto da sociedade. Quere converter un dito popular no lema do comercio local. “De Lugo Lugo” é unha das peculiares formas dos lucenses de identificar a quen é da cidade e, por extensión, a todo aquilo que é puramente local.