Lugo Monumental critica a continuidade do valado na contorna da Catedral

Lugo Monumental denuncia o estado da contorna da Catedral de Lugo ao permanecer instalado un valado en diferentes puntos da praza de Santa María e áreas próximas, a pesar de que, segundo sinalan, non se aprecia actividade construtiva nin arqueolóxica dende hai meses.
A entidade considera inadmisible que un dos monumentos máis emblemáticos do casco histórico continúe afeado, especialmente nun período como o nadalicio, no que a cidade recibiu numerosos visitantes durante o recente acueduto de decembro.
A asociación lembra que, en respostas verbais recibidas hai semanas, se lles asegurara que o pechado se retiraría a finais de outubro como moi tarde. Porén, case dous meses despois, o valado segue no lugar.
Ante esta situación, Lugo Monumental dirixiuse por escrito á Xunta de Galicia solicitando que proceda á súa retirada inmediata e que se restitúa a imaxe habitual do recinto catedralicio.
No marco das actividades da SECAL, hoxe ás 17:30 horas está prevista unha visita guiada á Catedral dirixida por Marcos Calles baixo o título 'A pegada dos arquitectos na Catedral de Lugo a través dos séculos'. A entidade subliña o enorme éxito destas convocatorias, que acadaron o límite de prazas en todas as sesións programadas.