Lugo Monumental critica a inutilización dunha rampla da Praza de Abastos

LugoXa
A asociación denuncia que a única entrada exterior con rampa permanece pechada desde hai unha semana e alerta das consecuencias en materia de accesibilidade
rampla-acceso-mobilidade-Mercado-Abastos-Lugo
15 Oct 2025

A Asociación Lugo Monumental denunciou que a entrada lateral da Praza de Abastos, situada na rúa Tuñas Bouzón e que conta coa única rampla de acceso ao edificio, permanece inutilizada desde o mércores pasado debido a unha avaría no sistema eléctrico da reixa automática que a pecha.

O colectivo cualifica de "sorprendente" que unha incidencia eléctrica impida abrir a porta de forma manual, algo habitual neste tipo de mecanismos, e que, por tanto, o acceso exterior con rampla leve unha semana sen poder empregarse.

Desde Lugo Monumental consideran inconcibible que non exista un sistema alternativo de apertura manual e pregúntanse que podería ocorrer en caso dunha emerxencia que obrigase a utilizar esa saída. A asociación subliña que a reixa averiada é a vía máis sinxela para entrar na Praza de Abastos para persoas en cadeira de rodas, con carros de compra ou con coches de bebé, ademais de ser un punto clave para o servizo de mercadorías.

Das catro portas exteriores que dan acceso directo á planta alta da Praza, só unha dispón de rampa, precisamente a que se atopa fóra de uso. Aínda que o edificio conta cun ascensor interior accesible desde o soto, o percorrido é máis longo e non está sinalizado. De feito, moitas persoas descoñecen a existencia deste elevador. Por este motivo, Lugo Monumental considera razoable que se instale un cartel informativo ao inicio da rampa inutilizada indicando a alternativa dispoñible para quen teña problemas de mobilidade.

⚙ Configurar cookies
0.078244924545288