Lugo Monumental denuncia a venda de falsificacións nos postos municipais do San Froilán
Lugo Monumental levou ante a Valedora do Pobo unha problemática que considera "intolerable": a venda de produtos presuntamente falsificados nos postos xestionados polo Concello de Lugo durante as festas do San Froilán.
Segundo a asociación, esta situación foi ignorada polas autoridades locais e rexionais, a pesar das reiteradas denuncias dende outubro de 2023, momento no que Lugo Monumental presentou denuncias ao Concello de Lugo, á Xunta de Galicia, á Subdelegación do Goberno e mesmo á Fiscalía Provincial. "Con todo, as respostas foron insuficientes ou inexistentes", destacan.
A primeira denuncia ao Concello foi respondida cun correo electrónico no que se afirmaba que, ao teren rematado as festas, non era posible verificar os feitos. En 2024, unha nova denuncia non recibiu ningunha resposta.
Pola súa banda, a Subdelegación do Goberno trasladou o asunto á Policía Nacional sen achegar máis información, mentres que a Xunta de Galicia, con competencias en comercio, tampouco actuou.
"A gravidade do caso radica en que os produtos falsificados comercialízanse en postos adxudicados polo propio Concello, o que podería levar ao público a asumir que se trata de mercadorías lexítimas", explican, polo que Lugo Monumental denuncia a falta de controis axeitados, que consideran unha "deixación de funcións" por parte da administración.
Ademais, lembran que o artigo 408 do Código Penal contempla penas de inhabilitación para autoridades ou funcionarios que, intencionadamente, deixen de promover a persecución de delitos coñecidos.
Competencia desleal e prexuízo para os comerciantes
A asociación subliña que esta situación xera unha competencia desleal para os comercios que cumpren coas normativas vixentes, prexudicando a reputación das festas e a confianza nas institucións.
Por este motivo, Lugo Monumental solicitou que a Valedora do Pobo investigue o caso e determine as responsabilidades pertinentes.
Entre as súas demandas, destacan identificar as autoridades competentes nesta situación, investigar se se adoptaron medidas dende 2023 e avaliar a súa efectividade, así como propoñer e aplicar medidas que garantan o cumprimento das normativas e poñan fin a esta problemática.
A asociación advirte que, de non solucionarse a situación, non descartan emprender novas accións legais ou administrativas en defensa do comercio xusto e da legalidade.