Lugo Monumental denuncia as contradicións do Goberno local no novo plan de tráfico

LugoXa
Lembran que eles propuxeran unha alternativa elaborada polo arquitecto Anxo Sánchez, que levaba a canalizar o tráfico pola rúa Quiroga Ballesteros
rua-quiroga-ballesteros-obras-peonalizacion-lugo-(7)
20 Mar 2025

A Asociación Lugo Monumental expresou o seu malestar ante as recentes decisións tomadas en torno ao novo plan de tráfico que afecta ao casco histórico da cidade.

Segundo denuncian, o proxecto que se está executando presenta importantes contradicións, que poderían traer problemas a longo prazo tanto para a infraestrutura urbana como para a seguridade dos cidadáns.

Desde o inicio dos traballos, Lugo Monumental presentou unha proposta alternativa elaborada polo arquitecto Anxo Sánchez, que tería permitido evitar o uso das rúas San Marcos e Rúa Nova para o tráfico rodado, zonas que, segundo a Asociación, son de especial valor histórico e que non deberían verse afectadas polo paso de vehículos durante as obras.

A proposta alternativa plantexaba canalizar o tráfico a través da rúa Quiroga Ballesteros, que ten a vantaxe de ser máis ancha e permitiría ademais facer paradas de carga e descarga para os comercios da Praza de Abastos e o Mercado de Quiroga Ballesteros.

Con todo, este plan foi descartado polo Goberno Local, que alegou que non se podía utilizar esa rúa para o tráfico rodado por risco de "estropear" unha zona que fora recentemente rehabilitada. Irónicamente, sinalan desde Lugo Monumental, agora a rúa Quiroga Ballesteros soportará o paso de vehículos procedentes do aparcamento de Santo Domingo, ademais dos estacionamentos e vehículos de servizo de toda a zona de Armañá, Reina, Progreso e Norias.

"O resultado será que, en vez de reparar unha rúa, haberá que reparar tres cando rematen as obras do chamado 'Corazón Verde', ademais do longo rosario de accidentes e problemas causados innecesariamente". A seu xuízo, a negativa do Goberno Local a aceptar propostas constructivas provocou unha mala planificación que agora repercutirá negativamente no estado de varias rúas da cidade.

Por iso, desde a Asociación propoñen usar proteccións de goma para Quiroga Ballesteros mentres dure o desvío de tráfico, xa que considera que o gasto neste tipo de gomas é moito menor que a reparación do firme. "Ademais, os locales de Quiroga Ballesteros xa sufriron unha longa obra e non é razonable sometelos a outra nova reparación cando, como é de prever, se dane o pavimento actual, que incluso durante a fase peanil xa sufriu unha longa lista de rupturas".

OUTROS PROBLEMAS

Por outra banda, Lugo Monumental tamén prevé problemas na rúa San Froilán e na entrada por San Fernando, onde se implantará un sistema semafórico. A Asociación sinala que a eliminación dun dos carrís de tráfico na rúa San Fernando, que permitiría unha maior fluidez na circulación, foi un erro no deseño do plan. Este cambio, segundo explican, dificultará a circulación, xa que todas as entradas e saídas, agás as procedentes de Montevideo, terán que pasar por un único carril.

Ante este panorama, Lugo Monumental fai un chamamento ao Goberno Local para que se abra a un maior diálogo e transparencia coas asociacións e os cidadáns. No seu comunicado, solicitan que se eviten máis erros, tanto no que resta das obras como na futura implementación da Zona de Bajas Emisións e a súa normativa, co fin de que non se repitan situacións que prexudiquen á cidade e os seus habitantes.

⚙ Configurar cookies
0.24387907981873