Lugo Monumental denuncia problemas no reparto de mercadorías polas obras do centro
A Asociación Lugo Monumental sempre foi favorable á peonalización, pero non comparte que esas restricións ao tráfico rodado dificulten prestar servizos esenciais de repartición de mercadorías, combustibles ou que se limite o labor das empresas de paquetería de forma alarmante. Neste senso, destacan que unha zona sexa peonil non tería que implicar a imposibilidade de que vehículos de gran tonelaxe poidan acceder ocasionalmente para situacións puntuais como poden ser o servizo de reposición de combustibles.
Os camións que reparten gasóleo ou pellets superan os 3.500 quilos de limitación establecidos pola administración. “A solución que se lles deu ás empresas subministradoras é que repartan o gasóleo con cubos e os pellets con camións máis pequenos, o que é de xeito evidente inviable”, afirman. Tamén citan que as obras de certa envergadura que requiran de guindastres de alta tonelaxe ou mesmo certo tipo de mudanzas, que precisan vehículos de gran tamaño. A isto engaden o problema da repartición.
Dende o Concello aseguran que en ningún caso o persoal do 010, servizo encargado de canalizar as solicitudes de acceso especial ao centro por Bispo Odoario e rúa do Teatro, lle trasladou a ningún transportista que teña que descargar os pellets ou o combustible “a cubos”. Desde que transcendeu o decreto sempre se indicou que a limitación de acceso para vehículos de máis de 3.500 kg se constrinxía unicamente a esas dúas portas, Bispo Odoario e rúa do Teatro, xa que para o resto de portas pódese seguir accedendo como xa se viña realizando.
Aseguran que ordenanza que está en vigor xa delimitaba en 5.500 kg para circular e iso non variou de xeito que, os vehículos que excedían esa tonelaxe xa debían solicitar o permiso para acceder e que os horarios de carga e descarga non varían. Dende o Goberno local aseguran que se foi avisando aos colectivos qe as "autorizacións especiais" por Bispo Odoario e rúa do Teatro serán concedidas baixo criterios técnicos. Lugo Monumetal quéixase de que se dificulta o labor ás empresas de repartición de mercadorías de gran volume como as destinadas a hostalería, e ás que se esixe o uso de vehículos de menor tamaño, e que se incrementa os custos e o número de traxectos pola zona peonil.
Por outra banda, denuncian o grave problema creado ás empresas de paquetería. Estas, que antes podían estacionar os seus furgóns nas zonas de carga e descarga de Santo Domingo, Praza do Ferrol ou en Montevideo, agora ven limitadas aos horarios de carga e descarga que son de xeito evidente insuficientes tanto polo volume de repartición como polos horarios, “xa que non é realista pretender que se reparta a domicilios ou comercios ás 7 da mañá”.
Acelerar as obras
Expoñen que o perigo destas limitacións en canto aos servizos de paquetería é que se reduzan as entregas a puntos de recollida e, o que é peor, que se deixen de facer envíos desde os locais do centro histórico que traballan con venda en liña, o que supón unha desvantaxe competitiva importante. Desde Lugo Monumental solicitarase unha reunión á Alcaldesa á que se convide non só aos profesionais do sector de repartición de alto volume, senón tamén aos autónomos e empresas de paquetería, a fin de afrontar os problemas de ambos os sectores de forma conxunta, xa que aínda que é a mesma actividade non teñen iguais problemas nin solucións.
O Concello entende que os cambios poidan xerar confusión ao inicio da súa implantación, máis o único obxectivo que perseguen coas medidas que se implantan é permitir e facilitar a conciliación de todas as necesidades de todos os colectivos que conviven no centro, pero é preciso que eses usos sexan tamén compatibles coa necesidade de avanzar na execución das obras. Lamentan as molestias, pero recalcan que as medidas son para tratar de que as empresas adxudicatarias poidan acelerar o ritmo dos traballos ao tempo que considera que, aínda que a dificulten, non impiden a subministración aos establecementos do centro histórico.