Lugo Monumental denuncia que o estado dos contedores soterrados afean a cidade
A Asociación Lugo Monumental reclama ao Concello de Lugo que de forma urxente poña remedio ao “desastroso estado dos contedores soterrados do centro histórico de Lugo, unha iniciativa que resultou errada á vista dos resultados”.
Os contedores que se atopan na Praza do Ferrol, Luís Pena Novo, Soledad, Xoan Montes e Noreas están fóra de uso, algúns desde hai anos. Dende a Asociación denuncian que “mesmo algún dos que funcionan, como é o caso dos de Quiroga Ballesteros, demostráronse claramente insuficientes para as necesidades da zona, o que revela que se dimensionou mal e que non liquidaron o problema da acumulación de lixo en vía pública. En Campo Castelo un está fóra de uso e o resto foron reparados, o que demostra que é posible facelo e que se trata dunha cuestión de vontade”.
Estas instalacións contan cun elevado custe. No ano 2006 instaláronse catro destas illas por importe de 274.047,02 €, tres delas no centro histórico (San Marcos, Quiroga Ballesteros, Campo Castelo) e un en María Balteira, o que fai que a unidade se aproxime aos 70.000 euros, “un investimento que sería razoable se o resultado fose adecuado, o que non é o caso” declaran en Lugo Monumental.
Tras unha duración de máis de 20 anos, o contrato coa empresa Urbaser venceu en 2017 e veu prorrogándose desde aquel entón. Cinco anos despois séguense dando pasos para poder poñer en funcionamento un novo contrato, pero mentres tanto o servizo deteriorouse a pasos axigantados.
Desde Lugo Monumental solicitan ao Concello que dea solución a este asunto, xa que se está dando unha imaxe lamentable do centro histórico, unha zona que é a tarxeta de visita da cidade e o barrio de todos os lucenses.