Lugo Monumental denuncia varias medidas decretadas pola Xunta
A Asociación de Empresarios Lugo Monumental interpuxo no día de onte unha impugnación dalgunhas das medidas acordadas pola Xunta de Galicia nas últimas semanas.
Esta demanda reuniu a varias ducias de hostaleiros, que ven que se lles prexudica gravemente sen que as medidas impugnadas "teñan o menor sentido para loitar contra a pandemia, un fin en que, como non pode ser doutra forma, todos estamos de acordo".
Dende Lugo Monumental queren deixar claro que a prioridade é a loita contra a covid e a orixe de todos os problemas é esta pandemia. Por iso, sinalan que vencer a progresión de contagios é a verdadeira guerra en que todos temos que estar unidos. "Non se trata de ter que elixir entre saúde e economía, xa que temos claro que ha de primar a protección dos cidadáns por encima de todo", defenden.
Sen embargo, consideran que, con todo, algunhas das medidas adoptadas nos últimos tempos non responden a criterios sanitarios senón a cuestións que mesmo consideramos discriminatorias cara a certos tipo de locais.
As terrazas rexidas por distancias non por aforos
Dende Lugo Monumental consideran que nunha instalación ao aire libre o aforo é irrelevante sempre que se respecten as distancias de seguridade. "Investindo o argumento, se un local ten dúas mesas e unha está a cen metros da outra, que lóxica ten obrigarlle a eliminar unha delas?"
Por iso, dende a Asociación expoñen que o criterio ha de ser necesariamente o das distancias entre mesas, xa que desa forma en lugares como Lugo, en que o Concello foi sensible coa situación e permitiu ampliar o espazo, poderíanse manter as mesmas mesas, o que axudaría a paliar a redución de aforos no interior dos locais.
Ademais, engaden que no interior dos locais non discuten o criterio do aforo, xa que este vén dado polos metros cadrados do inmoble que non se poden ampliar.
Locais
Outra das cuestións que dende a Asociación non comparten é a de que "se trate a uns locais de forma diferente que outros pola súa licenza e non polo horario en que se tome a medida. Atopámonos con absurdos como que a terraza dun local de lecer nocturno ten que pedir certificado de vacinación ou PCR negativa (só nos niveis baixos e non no alto ou o extremo, o que tamén é un contrasenso) pero na dunha cafetería non".
Consideran que se se pretende influír sobre comportamentos nocturnos o razoable sería decretar as medidas en función de horarios e non do tipo de local de que se trate xa que pola contra estase actuando sobre un inaceptable prexuízo.
Certificados en interiores
Outra das cuestións que se denuncia dende Lugo Monumental é a esixencia de certificados de vacinación ou PCR negativas no interior de locais "por unha cuestión de coherencia". Consideran que "supón varios conflitos relativos á protección de datos (sobre todo nun asunto tan sensible como a saúde, algo especialmente protexido pola nosa lexislación respecto diso), a intimidade das persoas e mesmo co puro sentido común xa que se esixe aos clientes pero non aos traballadores, o que rompe pola base o sentido da iniciativa".
Dende a Asociación Lugo Monumental e as decenas de locais que se uniron para impugnar estas medidas, queren reiterar que "non se está poñendo ningún interese económico por encima da saúde dos nosos conveciños, familiares, nin de nós mesmos. Trátase simplemente de tentar deter medidas ou criterios que non son sustentables desde un punto de vista racional e que crean unhas situacións moi daniñas para os locais que as han de sufrir".
Ademais, lembran que o lecer nocturno, ademais de estar pechado durante moitos meses, fixo investimentos para adaptar os locais e formar ao se persoal co fin de protexer aos clientes. Consideran tamén que a hostalería é a primeira interesada en que se atallen os contagios, xa que "é a primeira vítima das restricións, pero unha vez máis habemos de denunciar que o principal foco dos brotes segundo os expertos (o botellón) segue sen ser controlado".
Así pois, convidan aos locais que queiran unirse á demanda a escribirlles ao correo asociacion@lugomonumental.es .