Lugo Monumental denunciará ao Concello se non abre a Porta Falsa o 1 de decembro
O colectivo veciñal Lugo Monumental anunciou que denunciará ao Concello se non reabre inmediatamente a Porta Falsa. Fai máis dun mes (o 19 de outubro) a Asociación reclamou por rexistro a reapertura da Porta Falsa, unha vez que xa estaba colocado o solado pero non recibiron resposta e hoxe dita porta segue pechada ao tránsito peonil, "o que resulta totalmente inexplicable", explican.
"A única fonte de información que temos son noticias publicadas nas que se afirma que o problema é unha tubaxe, o que é un argumento realmente difícil de crer, debido a que parece pouco razoable que non haxa unha solución durante máis dun mes, para dar alternativa a esa cuestión puntual", engaden.
Poñen como exemplo que mentres en rúas como Montevideo ou Teatro pódese transitar entre máquinas e traballadores, solados levantados, pasarelas provisionais e gabias, na Porta Falsa non se poida abrir ningún tipo de paso porque unha tubaxe o impede.
"A afluencia peonil pola Porta Falsa é notable, debido a que permite que unha parte importante da poboación entre ao centro histórico sen ter que rodear por San Fernando ou pola rúa Teatro. O seu peche dana a locais da contorna xa que se está disuadindo aos peóns de entrar por ese acceso desde zonas importantes da cidade ou mesmo desde centros públicos relevantes como poida ser o edificio administrativo da Xunta de Galicia", explican.
Engaden que a campaña do Nadal é a máis importante do ano para o comercio. Máis aló da instalación de luces do Nadal ou de campañas puntuais, a Asociación considera vital que os accesos ao caso histórico sexan o máis fluídos e variados que se poda. "De pouco serve crear atractivos se se dificulta chegar a eles".
Tal e como se fixo noutras ocasións, a Asociación denunciará ao Concello se non se produce a apertura inmediata da Porta Falsa, entendendo esa inmediatez como o día 1 de decembro.
A Asociación non conta con recibir resposta a este escrito, "xa que o Concello non respondeu a ningún dos remitidos ata o de agora, ninguneando a unha entidade que a día de hoxe representa a 140 establecementos do centro histórico de Lugo".