Lugo Monumental enche as rúas do centro histórico co outlet de fin de tempada

O outlet de fin de tempada de Lugo Monumental está a encher os días 26 e 27 de marzo de 2026 as rúas do centro histórico con produtos a prezos de outlet.
Nesta campaña participan arredor de 40 establecementos que sacan á rúa unha ampla variedade de artigos co obxectivo de dar saída ao stock antes da chegada da nova tempada.
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, animou á cidadanía e ás persoas visitantes a achegarse ao centro histórico durante estas xornadas “para descubrir a calidade e o trato próximo que caracterizan ao comercio local lucense”.
Para facilitar a localización dos establecementos participantes, Lugo Monumental puxo a disposición do público un mapa actualizado co conxunto de locais adheridos á campaña. Arroxo destacou o papel fundamental do comercio local como motor económico e social da cidade, poñendo en valor iniciativas como esta “que permiten dinamizar o centro de Lugo, apoiar ao pequeno comercio e ofrecer á veciñanza produtos de calidade a prezos accesibles”.