Lugo Monumental entrega a Elena Candia o resumo das necesidades do casco histórico

LugoXa
A asociación finaliza a rolda de encontros cos grupos municipais e incide na importancia do futuro da estación de autobuses
sinalización-santo-Domingo-centro-Lugo
23 Jul 2025

Lugo Monumental reuniuse coa portavoz popular, Elena Candia, a quen lle fixo entrega dun extenso documento que recolle as principais demandas do casco histórico da cidade.

Este documento, que xa fora presentado ao alcalde, Miguel Fernández, e ao primeiro tenente de alcalde, Rubén Arroxo, pecha así a rolda de contactos con todos os grupos con representación municipal, coa intención de buscar un acordo común para avanzar nos proxectos que afectan ao centro histórico.

Un dos temas centrais das conversas foi o futuro da Estación de Autobuses e o seu contorno, un asunto que preocupa especialmente a Lugo Monumental. A asociación subliña a importancia de resolver a situación antes do traslado da maior parte dos autobuses á estación intermodal para evitar que o edificio actual quede desocupado durante anos, como ocorreu en outras instalacións, o que xeraría un grave deterioro tanto para o inmoble como para o seu entorno. Ademais, sinalan que o momento é propicio para tomar decisións, xa que non hai eleccións próximas que poidan condicionar as decisións por intereses partidistas.

Elena Candia, portavoz do grupo municipal do PP e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, participou nunha reunión con Diego Calvo, vicepresidente da Xunta de Galicia, na que se abordou o futuro da estación e se propoñeron novos usos para o edificio que beneficiarían ao casco histórico. Entre estas ideas destaca a proposta de Candia de crear un punto loxístico que dea servizo a unha gran parte do recinto amurallado, complementando así a iniciativa de Lugo Monumental.

A asociación aposta pola rehabilitación do edificio da actual estación para albergar múltiples usos. Entre as propostas está que o inmoble sirva como apeadoiro para as liñas interurbanas que queiran realizar parada no casco histórico, a sede dunha estrutura empresarial orientada ao emprendemento e mellora do comercio local, e na planta baixa, un espazo comercial polivalente para diferentes actividades empresariais.

Ademais, Lugo Monumental suxire a desaparición do muro perimetral das dársenas e a creación dun xardín urbano que contribúa a paliar a falta de zonas verdes no centro da cidade.

Para avanzar nestas ideas, a asociación propón a organización dun concurso de ideas e deseño que parta dunha visión clara e respectuosa cos aspectos ecolóxicos e económicos, apostando pola rehabilitación do edificio, que non presenta problemas estruturais significativos.

⚙ Configurar cookies
0.13046312332153