Lugo Monumental esixe que os produtos da Praza e do Mercado se usen na súa propia promoción

LugoXa
A asociación critica unha licitación municipal por non incluír produtos destes espazos en dous eventos destinados precisamente a promocionalos
praza-abastos-lugo
22 May 2025

A asociación Lugo Monumental solicitou ao Concello de Lugo que retire unha recente licitación para a contratación de servizos de catering en dous eventos organizados co obxectivo de promocionar o Mercado de Quiroga Ballesteros e a Praza de Abastos.

Segundo denuncian, o prego non esixe que os produtos que se van servir procedan destes espazos, o que, ao seu ver, contradí o propósito das actividades.

Os actos están previstos para o 29 de maio, no marco dunha “andaina”, e o 18 de novembro, con motivo do acendido do Nadal. En ambos casos detállanse os alimentos e bebidas que se ofrecerán a unhas 50 persoas asistentes, entre eles viños con denominación de orixe, pinchos, froitas e zumes, pero en ningún punto se menciona que deban ser adquiridos nos mercados municipais.

Desde Lugo Monumental consideran que esta omisión desvirtúa a finalidade promocional dos eventos e pode incluso resultar contraproducente, xa que o público asociará a calidade dos produtos ofrecidos coa do propio mercado.

Por iso, a entidade rexistrou un escrito no que solicita que se retire a licitación actual e se redacte unha nova na que se esixa expresamente que os produtos procedan da Praza de Abastos e do Mercado de Quiroga Ballesteros.

⚙ Configurar cookies
0.34510207176208