Lugo Monumental logra que Bruxelas revise a xestión das obras do casco histórico

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admitiu a trámite a solicitude presentada por Lugo Monumental para revisar a xestión das obras de peonalización do casco histórico de Lugo.
O eurodeputado Adrián Vázquez Lázara informou á directiva da Asociación da decisión, que considera unha “importante victoria moral”, ao recoñecer que existe unha base razoable para a queixa.
A Asociación insiste en que non se pretende sancionar ao Concello, xa que iso repercutiría negativamente nos veciños, e lembra que as obras acumularon atrasos superiores a dous anos e un sobrecusto que elevou o investimento previsto de 4.922.780 euros ata un mínimo de 8.883.125,54 euros, o que obriga ao Concello a aportar 4.827.023,54 euros adicionais en lugar dos 866.678 euros inicialmente previstos.
Lugo Monumental denuncia tamén a falta de planificación e consulta con distribuidores, o que provoca problemas serios na entrega de mercancías: un reparto que antes se podía facer cun vehículo de 4.500 kg agora require duplicar vehículos, encarecendo enormemente as entregas e dificultando a logística no casco histórico.
A intención da Asociación é garantir que estas irregularidades non se repitan e que futuras inversións se executen con maior rigor, transparencia e participación cidadá. A admisión a trámite polo Parlamento Europeo implica que se analizará en profundidade a xestión levada a cabo e a falta de información e consenso durante todo o proceso, algo que a normativa europea considera obrigatorio.
Diante desta decisión, o PP de Lugo destaca que a apertura do expediente europeo supón unha oportunidade para rectificar erros previos. A portavoz local, Elena Candia, declarou que a confirmación de novos fondos europeos para o Plan Novo Norte debe servir de incentivo para que o goberno municipal aprenda dos erros e xestione con responsabilidade cada euro recibido, evitando proxectos pouco útiles ou infrautilizados como un carril bici sen uso, un coliving de artistas sen artistas ou un edificio Impulso Verde sen aproveitar.
Candia subliña que “non se trata de gastar por gastar, senón de planificar proxectos transformadores e útiles para a cidade”. O eurodeputado Vázquez Lázara engadiu que a Comisión de Peticións analizará a fondo a xestión dos fondos europeos, “unha oportunidade para garantir que estes recursos sexan unha ferramenta de progreso e non de despilfarro”.