Lugo Monumental pide a Arroxo solucións para a estación de autobuses e as festas no centro

A asociación Lugo Monumental mantivo unha nova e extensa reunión de traballo co primeiro tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, na que lle trasladou un documento de 14 páxinas recollendo unha ampla relación de necesidades e propostas para o casco histórico da cidade.
Segundo indican desde a entidade, moitas das peticións están directamente vinculadas ás áreas que xestiona o grupo de Goberno encabezado por Arroxo.
Entre os temas tratados, Lugo Monumental puxo especial énfase na urxencia de aclarar o futuro da actual estación de autobuses e o seu entorno antes de que se produza o traslado maioritario dos vehículos á estación intermodal.
A asociación considera fundamental evitar que o edificio quede abandonado durante anos, tal como xa ocorreu noutras instalacións, co conseguinte deterioro tanto do inmoble como da zona na que se atopa.
Por iso, insistiron en que é o momento de tomar decisións, aproveitando que non existe un calendario electoral próximo que poida condicionar as actuacións necesarias para garantir o bo estado e a utilidade do edificio da estación.
Durante o encontro tamén se abordaron as dificultades rexistradas nos últimos tempos na tramitación de festas e concertos de animación na zona histórica. Desde Lugo Monumental confían en que estas cuestións poidan quedar resoltas de maneira definitiva e reiteraron a súa proposta de crear unha ordenanza específica para regular aspectos relacionados coas festas, como o son, a ocupación da vía pública e outros condicionantes, o que permitiría adaptar a normativa de maneira puntual sen ter que revisar en detalle todas as ordenanzas existentes.
Outro dos asuntos que xerou debate foi a posibilidade de peonalizar completamente outro tramo da Ronda. A asociación trasladou a preocupación dos empresarios do centro, especialmente tras comprobar que a peonalización do tramo da Ronda da Mosquera, aínda sendo unha zona con gran potencial comercial, non logrou dinamizar os negocios da área, onde moitos locais permanecen baleiros. Ao mesmo tempo, consideran que o peche ao tráfico complicou os desprazamentos da veciñanza. Segundo confirmou Rubén Arroxo, o goberno municipal está disposto a reflexionar conxuntamente con Lugo Monumental para buscar a mellor solución para a cidade, equilibrando mobilidade, comercio e calidade urbana.