Lugo Monumental pide claridade nas rutas de tráfico do centro histórico

LugoXa
A asociación denuncia a falta de sinalización e a ausencia da ordenanza ZBE máis de dous anos despois do prazo marcado pola licitación
sinalización-santo-Domingo-centro-Lugo
3 Jul 2025

A asociación Lugo Monumental vén de rexistrar un escrito no Concello de Lugo no que reclama unha aclaración urxente sobre os itinerarios habilitados para vehículos no casco histórico da cidade.

A entidade sinala que, malia a apertura non oficial do segundo carril da rúa Teatro na xornada de onte, a maior parte dos condutores continúa a circular por Quiroga Ballesteros, provocando así a saturación de espazos que, segundo indican, deberían ser xa de uso peonil exclusivo.

A organización asegura que a falta dunha sinalización axeitada xera confusión entre os usuarios e podería mesmo derivar en situacións de risco se non se deixa claro por onde se debe circular.

Segundo explican, tanto os vehículos que utilizan o estacionamento de Santo Domingo como os de particulares, repartidores e outros servizos, seguen a abandonar o centro polas rúas Quiroga Ballesteros, San Froilán e San Fernando, cando o máis lóxico sería acceder á Rolda da Muralla pola vía de Teatro.

Lugo Monumental tamén critica que un dos carrís da Rolda continúa inutilizado, a pesar de que as obras remataron, servindo unicamente como zona de almacenamento de materiais e provocando constantes retencións no tráfico da zona.

Ademais, a entidade lamenta que aínda non se coñeza o borrador da ordenanza da Zona de Baixas Emisións (ZBE), a pesar de que o prazo marcado pola propia licitación finalizou en abril de 2023. Dous anos despois, aseguran, segue sen definirse a normativa que debería regular o uso do centro, os accesos, as autorizacións e demais detalles clave para unha xestión ordenada da mobilidade.

Desde Lugo Monumental reclaman que se sinalice correctamente todo o percorrido antes de dar por aberta calquera vía ao tráfico e insisten en que estes aspectos debían estar resoltos con anterioridade.

⚙ Configurar cookies
0.74642992019653