Lugo Monumental pide que o Concello bonifique a primeira hora de aparcamento no centro
A Asociación Lugo Monumental considera que necesario aclarar que si se pode entrar aos estacionamentos sen ningún tipo de permiso previo, mellorar a sinalización e bonificar a estancia nos aparcadoiros municipais, como se fai nos privados. Denuncian o atraso das obras moito máis do anunciado,” algo que prexudica gravemente a residentes, transeúntes e aos establecementos situados nas áreas afectadas directamente polas actuación”.
Dende o colectivo propoñen crear unha Comisión de Seguimento das obras ou o abaratamento dos aparcadoiros públicos e reformar a sinalización actual de obra. Para eles os problemas máis relevantes comezan pola emisión de mensaxes confusas. “Realmente hai dous casuísticas que poden resumir quen pode entrar ao centro histórico: os usuarios dos aparcadoiros e os vehículos autorizados. Non é necesario debullar cada unha das excepcións, xa que os vehículos autorizados saben perfectamente que o son, e dilúese a mensaxe máis importante: que si se pode entrar sen autorización previa aos aparcadoiros”.
Para eles precísase que se explique á cidadanía que non se vai a multar a ninguén por entrar aos aparcadoiros públicos, mesmo detallando o sistema de control de vehículos para que saiban que non terán risco algún de sanción. Por iso, propoñen a emisión dunha serie de bandos municipais que expliquen, en cada fase das obras, os accesos e que expresamente recolla a liberdade de acceder aos mesmos en todo momento. Por outra banda, denuncian unha sinalización “incomprensible” e “confusa”, e propoñen a colocación de paneis informativos en diversos puntos da cidade nos que se indique claramente como acceder aos diferentes estacionamentos do centro.
Tamén destacan como “mentres o sector privado cumpriu coa súa tarefa e desde Lugo Monumental activamos unha campaña de bonificación de horas de aparcadoiro nos estacionamentos de Ánxel Fole e Vía Romana, os subterráneos públicos son os máis caros da cidade nas primeiras horas, que son as críticas para as compras”. Propoñen así que o Concello bonifique total ou parcialmente a primeira hora de aparcamento nos seus estacionamentos para convidar á cidadanía para seguir acudindo ao centro histórico.
Por outra banda, queren facer alusión á boa actitude e a empatía mostrada pola alcaldesa, Paula Alvarellos, na reunión que mantiveron finais do mes de xaneiro e confían en que esta boa disposición se traduza na aceptación das propostas, “todas elas de sinxela implementación e que na maioría dos casos ten un custo nulo ou moi reducido para as arcas municipais”.