Lugo Monumental pide que o proxecto de Santo Domingo conte con zonas verdes
Lugo Monumental rexistrou un escrito ao Concello de Lugo en que pide que "se use en Santo Domingo o mesmo criterio que se utiliza na praza Roxa onde a alcaldesa acaba de anunciar o investimento dun millón de euros para poñer zonas verdes, unha acción que vai na liña das peticións da asociación para o centro histórico".
"Esa intención de converter a praza Vermella nunha contorna acolledora contrasta co proxecto licitado polo Concello para a praza de Santo Domingo, unha cuestión que se decidiu sen abrir unha previa exposición pública para achega de suxerencias, e onde non se contempla ningunha zona verde, a pesar de ser unha das principais prazas da cidade" lamentan dende a asociación que tamén ven outras ausencias neste proxecto como "espazos de xogos infantís, cuestións reiteradamente demandadas por Lugo Monumental".
Ademais desde esta asociación tamén reclaman máis zonas verdes, "as obras realizadas nos últimos anos nas prazas e rúas do centro histórico convertéronas en espazos duros, ausentes de vexetación e pouco amables co cidadán. Obras como as de San Marcos ou Quiroga Ballesteros ilustran perfectamente unha tendencia que xustamente se pretende reverter na praza Vermella cun importante investimento, o que parece un contrasenso".
Por todos estes motivos, a asociación pídelle ao goberno local "un período de reflexión sobre os proxectos que teñen en marcha e un debate sereno que suxire pospoñer a que pasen as eleccións locais para que non haxa esa presión e póidanse estudar os argumentos expostos coa
tranquilidade que merecen".