Lugo Monumental propón celebrar o fin das obras do casco histórico cunha gran festa aberta á cidadanía

A Asociación Lugo Monumental lanza unha proposta festiva para conmemorar o fin das longas e polémicas obras do casco histórico da cidade. A entidade, moi crítica ao longo dos últimos anos coa planificación, execución e custes destes traballos, propón agora virar páxina cunha celebración que marque o inicio dunha nova etapa para a zona monumental.
Entre as ideas que se porán enriba da mesa están a ornamentación dos establecementos, a organización de actividades culturais e lúdicas, e mesmo un desfile polas novas zonas peonalizadas, co obxectivo de dinamizar a vida comercial e social do centro histórico e recuperar o ánimo da veciñanza e dos comerciantes.
A Asociación trasladará esta proposta ao Concello de Lugo solicitando apoio loxístico e colaboración para a organización conxunta do evento, mais sen pedir financiamento económico, mantendo así a súa política de “cero subvencións” que, segundo sinalan, garante a súa independencia. Neste sentido, lembran experiencias como a do Milagre de San Vicente, onde contan coa colaboración municipal sen recibir achegas monetarias.
A festa sería unha ocasión para dar a benvida a unha nova etapa, aínda que desde Lugo Monumental lembran que quedan moitas incógnitas por resolver. Entre elas, o contido da nova ordenanza que regulará a zona unha vez rematadas as obras, e as actuacións necesarias para reparar os danos causados en rúas como San Marcos, Rúanova ou Quiroga Ballesteros, para os cales tamén formularán propostas.
Desde a Asociación insisten en que, malia os atrancos sufridos durante os traballos, o remate das obras representa unha excelente oportunidade para revitalizar o centro histórico, e animan a todos os establecementos e á cidadanía a participar nesta celebración colectiva.