Lugo Monumental propón modificar o percorrido cara á Praza do Ferrol
Lugo Monumental fai unha proposta que reduce un 59 % a distancia ao aparcadoiro Praza do Ferrol. A proposta segue dous obxectivos: a redución das distancias e tempos nos traxectos e, por tanto, a redución de emisións dentro da ZBE do centro histórico. A proposta elimina o tráfico na zona que a asociación considera máis utilizada polos peóns na praza, na contorna da Muralla, o centro de saúde e o colexio. Lugo Monumental rexistrará a proposta que pretende usar o percorrido máis curto para a entrada e saída da mesma.
Para o colectivo o traxecto proposto polo Goberno Local é froito da improvisación con que se tramitou todo isto, ademais do hermetismo con respecto ás propostas de Lugo Monumental, que desde o primeiro instante en que puido ver o proxecto apuntou o disparatado de aumentar os percorridos no centro histórico en lugar de reducilos. O Goberno aceptou parcialmente a formulación da asociación e modificou a súa proposta. “O problema é que como xa se terminou esa parte da obra con materiais inadecuados, que non permiten usos diferentes ao proxectado, téntana readaptar, pero o resultado proposto vai contra o máis elemental sentido común”.
Aseguran que toda esta situación vén causada por “un proxecto moi deficiente e que, a pesar das peticións expresas de Lugo Monumental, non se quixo debater nin acordar con ninguén”. Aseguran que o solo empregado entre o antigo cuartel e a igrexa de San Froilán están deseñados para uso puramente peonil. A maiores, reduciuse a un carril o espazo dispoñible na porta de San Fernando. “Todo isto dificulta readaptar un proxecto deficiente e mal enfocado.”
Lembran que a xustificación para estas obras sempre foi a Zona de Baixas Emisións. Porén, segundo Lugo Monumental, a proposta municipal afecta a dous centros educativos, o Quiroga Ballesteros, que se ve rodeado por un tráfico perfectamente evitable, e o da Milagrosa, cuxa situación é peor aínda xa que os nenos do devandito colexio saen a xogar á Praza do Ferrol, polo que parece inapropiado rodeala de vehículos.
Doutra banda, vese afectado un centro de saúde e sitúase un carril de circulación fronte á Porta Falsa, unha das poucas totalmente peonís, e moi utilizada polos lucenses, e dun acceso ao adarve. Desde Lugo Monumental propoñen o que se dixo desde o primeiro momento: que o traxecto de entrada e saída ao aparcadoiro de praza do Ferrol se faga usando as liñas rectas e directas, e usando unha rotonda no encontro de Rolda, San Fernando e Avenida da Coruña. Aseguran que se reduce a afectación a edificios e monumentos e tamén o percorrido e as emisións.
Entre os inconvenientes, recordan que o solado entre o cuartel e a igrexa probablemente non aguantará ese tráfico e romperá, pero as instalacións non se verían afectadas polo que só é unha reposición superficial do firme e hai que ter en conta que nese tramo hai contedores soterrados, cuxo baleirado faise con camións de gran tamaño que xa van danar o chan igualmente. Tamén habería que retirar as árbores do tramo da porta de San Fernando para recuperar os dous carrís. A asociación propón movelas a Santo Domingo para repoboar esa zona dos exemplares destruídos nos últimos meses e mesmo aumentar o seu número.