Lugo Monumental propón 'Negra Sombra' como nome para o novo auditorio
Lugo Monumental propón 'Negra Sombra' como quinta opción para nomear ao novo auditorio, un nome que reúne os méritos de Rosalía de Castro, a autora galega máis coñecida e os de Xoán Montes, o músico máis importante da cidade.
O anuncio por parte da alcaldesa de Lugo de que se fará unha consulta popular é positivo, din, "pero incompleto, xa que non se abriu previamente un período de propostas público para que se puidesen facer achegas".
Por todo iso, e sen cuestionar os méritos das demais opcións, Lugo Monumental considera interesante ofrecer unha nova posibilidade: Negra Sombra. Así, din que o poema, probablemente o máis coñecido de Rosalía de Castro, foi publicado por primeira vez en 1880 no seu libro Follas Novas. "Aínda que os versos non tiñan título, inmediatamente o público denominouno baixo ese nome, que se fixo moi popular. É un poema que recolle tristeza, o que podería parecer pouco apropiado para nomear un auditorio, pero tamén é certo que a súa incomparable beleza e a súa intimidade así como a súa popularidade, nacida dunha conexión inextricable coa esencia de Galicia, convérteo nunha denominación moi apropiada".
Ademais, engaden que "a unión dese poema coa música dos lucense Montes, nacido no número 30 da Rúanova, deu lugar en 1892 a unha peza única, tremendamente popular, que mesmo é denominada habitualmente “o outro himno de Galicia”. A “Negra Sombra” de Juan Montes é unha composición da que se gravaron máis de 300 versións que se escoitaron de voces tan dispares como a de Amancio Prada, Luz Casal con Carlos Núñez, Fran Amil ou Fillas de Casandra. É habitual tamén nos concertos da soprano lucense Noemi Mazoy".
Desde Lugo Monumental considérase que é un "nome único, diferente, que se popularizaría con rapidez e que contribuiría a dar unha comprensión máis completa dos moitos usos do edificio ao axuntar literatura, música, tradición e personalidade, e confíase en que o Goberno Local inclúa esta proposta na votación que se está preparando para dar nome ao auditorio".