Lugo Monumental propón rehabilitar a estación de autobuses con novos usos e espazos verdes

LugoXa
A asociación rexeita o derrubamento do inmoble e aposta por unha remodelación que combine transporte, servizos cidadáns e un entorno axardinado
infografía-proposta-Estación-de-Bus-Lugo-Monumental
2 Oct 2025

Na antiga sala de espera da estación de autobuses, a Asociación Lugo Monumental presentou a súa proposta de remodelación do inmoble e o seu entorno. A entidade leva máis dunha década defendendo a conservación deste edificio, que considera en bo estado de uso, e argumenta a súa postura en razóns de mobilidade, económicas, ecolóxicas, arqueolóxicas e sociais polo gran potencial que a infraestrutura podería ter para a cidade.

O proxecto, acompañado de infografías realizadas por Guille Tort, debuxa unha estación reformada con múltiples funcións e rodeada dun espazo verde e útil para a veciñanza. Lugo Monumental sostén que derrubar o inmoble sería un erro, xa que unha intervención de rehabilitación permitiría prolongar a súa vida útil e dotalo de novas posibilidades.

Entre as propostas destaca a planta baixa, que continuaría a servir de parada para autobuses interurbanos e turísticos, con centro de recepción de visitantes, á vez que acollería usos comerciais, hostaleiros, culturais e un gran centro loxístico para mellorar a distribución no casco histórico. Na primeira e segunda planta, a asociación suxire destinar os espazos a usos administrativos, á creación dun Centro de Excelencia Comercial de Galicia, un viveiro de empresas e unha área de “coworking” que tamén podería funcionar como sala de lectura ou estudo.

A cuberta do edificio converteríase nunha terraza verde accesible ao público, desde a que se podería contemplar a reforma da Vella Cárcere e a Muralla. Finalmente, no entorno, Lugo Monumental propón reordenar a zona e crear un espazo axardinado no lugar das dársenas que non se empreguen, derrubando o muro perimetral e parte dos voladizos actuais.

⚙ Configurar cookies
0.08124303817749