Lugo Monumental propón reubicar ou regalar as flores que se retiren de Santo Domingo
Lugo Monumental rexistrou unha petición ao Concello de Lugo na que solicita que se informe aos lucenses da data exacta en que se empezarán as obras de Santo Domingo, tras as que "a praza perderá todas as - xa moi escasas - zonas verdes que ten actualmente".
Tamén pedirá ao Concello que recoloque as flores de Santo Domingo, concretamente as que hai actualmente na base do Aguia do Bimilenario. "Dado que son plantas pagadas con diñeiro público parece que o razoable sería enclavarlas novamente noutras zonas municipais, e, no caso de que iso non sexa posible ou que o custo da devandita acción sexa elevado, pídese que se autorice a quen o desexe a levarllas a fin de que non se perdan como pasou coas roseiras de Praza do Ferrol".
Desde Lugo Monumental queren insistir na necesidade de manter as escasas zonas verdes que hai actualmente no centro histórico, e piden ao goberno local "que se reformule o que consideran un grave erro, que ademais se demostra de curto percorrido tras a renaturalización que se anunciou para outras zonas como a Praza Roxa ou o barrio de Recatelo, áreas en que se fará un importante desembolso (tan só na Praza Roxa anunciouse un gasto de 1 millón de euros) para poñer algo de vexetación, algo chocante sobre todo no segundo caso, onde as obras de peonalización finalizaron recentemente".
"O proxecto aprobado polo goberno local elimina todas as zonas verdes de Santo Domingo e no resto das rúas para reformar redúceas a xardineiras, pequenos xardíns con céspede e flores ou alcorques", engaden.
Por último, a Asociación tamén expón modificar as árbores elixidas polo goberno, e propón especies autóctonas para substituír as seleccionadas, xa que algunha, como a Pereira de Callery (Pyrus calleryana), é unha especie de orixe chinesa e que mesmo é considerada invasora e está prohibida nalgunhas zonas do mundo polo seu desagradable cheiro na primavera (similar ao seme, vómito ou peixe podrecido), "tal e como explicou o arquitecto Anxo Sánchez".