Lugo Monumental recada fondos para demandar ao Concello de Lugo pola suba das taxas das terrazas
A Asociación Lugo Monumental, que agrupa aos negocios do casco histórico da cidade, vén de poñer en marcha unha campaña co obxecto de recadar fondos para pagar os gastos de presentar unha demanda xudicial contra o Concello de Lugo polo incremento previsto nas taxas por ocupación da vía pública para a colocación de terrazas.
O colectivo estima que a suba, que califican de "arbitraria e inxusta", suporá aos hosteleiros do municipio pagar "entre un 187% e un 600% máis que en 2019" segundo as zonas, nun momento no que o sector "está pasando un duro trago do que ninguén sabe moi ben como sairá". Lembran ademais que "para intentar disimular esta suba aprobáronse bonificacións" para o presente ano, "pero a partir de 2022 a suba será progresiva para aumentar esaxeradamente o que pagabamos en 2019".
O presidente da asociación, Luis Latorre, recoñece que "probablemente sexa o peor momento posible" para recadar fondos para esta demanda pero "lamentablemente" só teñen dous meses desde que se aproba para interpoñela no xulgado, e ese prazo vence a finais deste mes. "Do contrario, adquire firmeza e é moito máis complicado loitar contra ela", explica.
A campaña de Lugo Monumental -pola que nas primeiras horas xa se interesaron unha ducia de negocios- está aberta tanto a asociados como a non asociados, de calquera punto do municipio, e a aportación farase en proporción aos metros cadrados de terraza de cada local. O prazo para colaborar remata o vindeiro domingo, día 21.