Lugo Monumental recollerá firmas contra a retirada de zonas verdes do centro
Na xornada celebrada onte organizada por Lugo Monumental e na que participaron a Plataforma de veciños do Centro histórico, Adega Lugo e o Colexio de Arquitectos mostrouse o seu rexeitamento aos plans municipais para destruír as escasas zonas verdes que quedan no centro histórico e contabilizar como tales macetas e pequenos espazos que realmente non cumpren as funcións dun auténtico xardín.
A pedimento dunha persoa do público, e tras consultalo cos asociados, Lugo Monumental prepara unha campaña de recollida de firmas para salvar as zonas verdes existentes e mesmo, onde sexa posible, incrementalas.
"Os lucenses queren árbores, céspede, terra… todo o contrario que as prazas duras e grises que se están facendo no centro histórico. Sirvan como exemplo San Marcos ou Quiroga Ballesteros, dúas contornas nas que se substituíron fontes e céspede por laxas ou onde se perdeu a oportunidade de incrementar os xardíns do recinto amurallado", dixeron.
Afirman desde Lugo Monumental que a unanimidade mostrada por diversos colectivos (aos que se uniu in situ Ecoloxistas en acción) "é proba do rexeitamento que causan estas obras, non porque se peonalice, senón por todo o contrario".
Tamén se puxo sobre a mesa "a falta de diálogo previo desde o Goberno Local, que aprobou estas obras sen sequera facer unha exposición pública ou un debate plenario".
"Cabe destacar o descoñecemento dos proxectos por parte da cidadanía, que ignora por exemplo que se proxecta un carril para vehículos no que agora é a zona verde de Santo Domingo, ou que os vehículos que accedan ao aparcamento de Praza do Ferrol (o máis usado da cidade) seguirano facendo a través de Montevideo e Bolaño Ribadeneira e que para saír farano dando un inexplicable rodeo por diante do centro de saúde e a Porta Falsa, algo que se explica porque o Goberno segue sen expoñer os proxectos na web municipal, aínda que se poden consultar integramente na nosa web", concluíron.