Lugo Monumental renova directiva e propón un Centro Comercial Aberto
Reuniuse onte en Lugo a asemblea anual de Lugo Monumental no salón de actos da APEC, na Praza do Campo, na que un dos principais puntos foi a elección da directiva.
Luis Latorre foi elixido novamente como presidente de Lugo Monumental por unanimidade. Segundo os estatutos da asociación, a directiva é elixida polo presidente, que a dará a coñecer en próximos días.
Tamén se fixo unha valoración das actividades de 2023 e se presentou o programa para 2024. No primeiro, os socios valoraron positivamente a programación anual da asociación e contemplouse manter para o ano 2024 as mesmas actividades, así como as que poidan xurdir durante estes meses.
Como novidade, propúxose modificar a data de celebración do Milagre de San Vicente, debido a que en 2024 sería un luns e considerouse máis apropiado polos asociados presentes que teña lugar a última fin de semana do mes de xullo. A elección do día concreto (venres ou sábado) decidirase por votación no grupo de telefonía móbil da Asociación.
Estado de contas de 2023 e orzamentos para 2024
"A boa saúde económica da asociación, grazas a aumentar o seu número de socios a 145, ademais dunha xestión económica moi prudente permitirá a Lugo Monumental gozar dun certo desafogo económico", dixeron na reunión.
As contas presentadas lanzan un saldo favorable de algo máis de 3.000 euros para o ano 2024, a pesar de que nin sequera se computan como ingresos previstos o total das cotas para ter previsión de posibles incidencias.
Aprobouse tamén o alugueiro dun pequeno local para servir como sede social da Asociación e de almacén do material da mesma.
Outra das medidas aprobadas por unanimidade foron modificacións menores dos estatutos, relativas á localización da sede social, data de celebración da asemblea anual ou eliminación do máximo de membros da Xunta Directiva.
Proposta para crear un Centro Comercial Aberto
Acórdase estudar a creación dun Centro Comercial Aberto no centro histórico, aínda que se empraza dita acción a un estudo pormenorizado das condicións do mesmo e os seus custos, remitindo novamente á votación no grupo de mensaxería móbil da Asociación.
Desde a directiva explícase que, aínda que a intención segue sendo depender dos recursos propios, "si é certo que hai convocatorias de subvencións para accións puntuais que poden ser interesantes", polo que aprobouse facultar á directiva para poder concorrer a subvencións, informando puntualmente os socios mediante as canles habituais (mensaxería móbil) e sempre que en ditos canais se aprobe participar nas axudas.
Apróbase por unanimidade a proposta do presidente para nomear a un local comercial e outro de hostalaría para os premios da asociación en 2024, aínda que se fará público no seu momento tras consultar cos galardoados a aceptación do mesmo.