Lugo Monumental reparte 1.000 euros en premios co seu concurso de Entroido

LugoXa
Lugo Monumental convoca este luns o X Premio Lugo Monumental de Animación de Rúa, que terá lugar entre os días 9 e 13 de febreiro coa colaboración dos locais do centro histórico.
5 Feb 2024

Lugo Monumental convoca este luns o X Premio Lugo Monumental de Animación de Rúa, que terá lugar entre os días 9 e 13 de febreiro coa colaboración dos locais do centro histórico. Como todos os anos, o premio está pensado para atraer ao centro ás cuadrillas que celebran o Entroido e que enchen as rúas do colorido, a música e a irreverencia propia desta época.

Tal e como recollen as bases publicadas, entenderase como animación calquera actividade que as agrupacións participantes consideren oportuna (música, teatro, monicreques, monólogos, maxia, xogos infantís…) e que contribúa a crear diversión e ambiente rueiro no centro histórico de Lugo. Poderanse ter en conta as mellores cancións, disfraces ou presentacións, pero o que máis pesará será a animación creada nas rúas do centro.

Para inscribirse e optar ao premio os participantes deberán enviar un correo electrónico ao enderezo asociacion@lugomonumental.es ou unha mensaxe de Whatsapp ao 644 637 444 indicando o nome do grupo; o número aproximado de participantes; a descrición da animación e o nome dunha persoa de contacto, teléfono e enderezo electrónico.

Inscrición gratuíta

O prazo de inscrición permanece aberto e finalizará o día 8 de febreiro ás 23.59 horas. A inscrición é gratuíta. Cada agrupación designará a un representante, que será o único interlocutor válido coa organización para todos os efectos. En caso de resultar premiada, a agrupación faculta expresamente ao representante para recoller o premio obtido.

Establécense tres premios, un primeiro que consta de 12 vales de 50 euros, un segundo premio de 6 vales de 50 euros e un terceiro de 2 vales de 50 euro. Todos eles poderanse usar nas case 150 empresas asociadas a Lugo Monumental. Os locais participantes son os que emitirán os seus votos, polo que é importante que os grupos se centren en animar as zonas onde se sitúan os 28 xuíces. Entregaráselles unha listaxe de locais con dereito a voto e haberá un mapa de Google coas localizacións.

0.15430808067322