Lugo Monumental solicita que os locais do centro histórico poidan ter caldeiros para o polbo en San Froilán

LugoXa
A Asociación Lugo Monumental solicita que se permita a instalación de caldeiros para o polbo nos locais do centro histórico da cidade
polbo tapa casetas comida
7 sep 2022

A Asociación Lugo Monumental rexistrou un escrito dirixido ao Concello de Lugo no que solicita que, como en anos anteriores, se permita a instalación de caldeiros para o polbo nos locais do centro histórico da cidade, mesmo ao aire libre, como viña sucedendo.

Lugo Monumental considera que a instalación das casetas para as festas patronais é unha boa noticia para a cidade xa que é unha tradición que conta con moito público, iso non é impedimento para que os locais do centro histórico poidan atender tamén con caldeiros abertos ao público. Isto incrementaría a oferta, e o feito de que varios locais do centro conten con estas instalacións axudará a incrementar o atractivo gastronómico da cita, dando ao público máis opcións para degustar a especialidade, insignia das nosas festas.

Evidentemente a instalación de caldeiros non é necesaria para poder ofrecer polbo, xa que durante o resto do ano faise sen ese requisito, pero non é menos certo que durante as festas patronais é unha cuestión de estética e de tradición que axuda a que o público (sobre todo o visitante) vexa máis atractivo este prato.

A pandemia fixo que certos costumes variasen e a resposta do público nos locais do centro histórico foi positiva, polo que cremos importante dar a posibilidade a quen queira de poder volver traballar con caldeiros durante, polo menos, os mesmos días que funcionen as casetas do Parque Rosalía.

0.20164918899536