Lugo Monumental suspende a distribución da Credencial de Lugo pola negativa a recoñecela para obter a Compostela

A Asociación Lugo Monumental decidiu interromper a distribución da Credencial de Lugo, un documento que desde 2016 funcionaba con normalidade e co aval do Bispo de Lugo, logo de que nos últimos tempos a Oficina do Peregrino en Santiago comezase a rexeitalo para a obtención da Compostela.
A entidade denuncia que, mentres se aceptan outras credenciais e incluso simples follas en branco coas estampas do Camiño, esta é a única que se exclúe sen explicacións convincentes, e suxire que detrás podería haber un motivo puramente económico.
A Credencial de Lugo xurdiu en 2014 como iniciativa para destacar o papel histórico da cidade, primeira localidade do Camiño Primitivo que cumpre a distancia mínima de cen quilómetros a pé para obter a Compostela. Foi deseñada polo artista Chencho Pardo, sen remuneración, e o euro doado por cada exemplar destínase integramente a Cáritas Diocesana de Lugo, sen beneficio para ningunha das persoas ou entidades implicadas.
Segundo relata Lugo Monumental, hai unhas semanas un establecemento distribuidor recibiu unha chamada dun presunto representante da Oficina do Peregrino advertindo que o documento carecía de validez. A situación agravouse cando un peregrino comunicou á asociación que lle denegaran a Compostela e lle ofreceran mercar por 1,50 euros a credencial oficial expedida en Santiago, a pesar de ter xa completado o traxecto. Para a entidade, este feito demostra que o problema responde a un interese comercial alleo ao espírito do Camiño.
A asociación comunicará o caso ao Bispo de Lugo, ao Arcebispado de Santiago, á Conferencia Episcopal Española e mesmo ao Papa Francisco, ademais de informar ás administracións públicas e contactar con persoas que solicitaron a credencial para detectar máis casos de rexeitamento. Consideran que quen perde nesta situación é Lugo, que ve interrompida unha campaña que impulsaba a cidade como punto de partida do Camiño Primitivo e apoiaba unha causa solidaria, e confían en que no futuro poida retomarse.