Lugo Monumental traslada a Álvaro Santos as súas inquietudes en urbanismo
Os membros da directiva de Lugo Monumental mantiveron unha reunión co novo concelleiro de urbanismo, Álvaro Santos, en que expuxeron os problemas e propostas que a asociación considera máis relevantes na súa área.
O problema fundamental
A reforma do PEPRI é o máis importante dos asuntos pendentes relativos ao centro histórico. A normativa que afecta o recinto amurallado é moi deficiente e está totalmente desfasada. Aínda que se podería comprender que teña tinguiduras conservadoras (tendo en conta os bens para protexer) non pode converterse, como de feito pasou, nunha rémora no avance da zona.
A rehabilitación de edificios no centro histórico é un pesadelo xurídico para os promotores, o que está a conseguir o efecto contrario ao desexado: o abandono do centro. Os edificios sen veciños nin negocios están a aumentar alarmantemente, e aínda que é certo que hai grandes empresas que apostaron polo recinto amurallado, os requisitos e problemas son tantos que as familias e os pequenos autónomos ven moi desanimados á hora de rehabilitar as súas propiedades.
No ano 2014 o Pleno do Concello aprobou por unanimidade iniciar os trámites para a reforma do PEPRI, algo que sete anos máis tarde non se fixo.
Do PEPRI dependen moitos temas fundamentais. A recuperación do vello pavillón da OJE, por exemplo, podería ser moito máis accesible se se delimitase esa zona como dotacional deportiva. Tamén o problema de que se incumpre a normativa dependendo do que se trate: mentres que aos pequenos propietarios póñenselles innumerables trabas, as grandes compañías eléctricas e de telefonía seguen mantendo cableados aéreos que están fóra de ordenación dende hai máis de 20 anos, cando o PEPRI deixounas fóra da legalidade.
Outros asuntos
Tratáronse temas como a falta de fibra óptica para conexións a Internet a unha velocidade razoable (algo totalmente necesario para calquera empresa que se queira instalar en calquera lugar) e a recuperación da idea do Plan de Escavacións proposto pola Asociación, un asunto que incumbe tamén á Xunta de Galicia, á que Lugo Monumental se dirixiu recibindo inicialmente unha valoración moi positiva sen que ata o momento volveuse a saber nada do asunto.