Lugo nomea fillos adoptivos a Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega nun emotivo acto

O Vello Cárcere de Lugo acolleu un emotivo acto de homenaxe no que o Concello nomeou fillos adoptivos da cidade a Xesús Alonso Montero e a Rafael de Vega Barrera, dous referentes cuxa traxectoria marcou a historia da educación e da sanidade públicas en Galicia.
O acto estivo guiado polas palabras do escritor e amigo de Alonso Montero, Claudio Rodríguez Fer, quen repasou a ampla traxectoria do profesor e o seu compromiso co pensamento crítico. O homenaxeado, visiblemente emocionado, agradeceu a distinción e recoñeceu que “como cidadán e profesor nos meus 16 anos de Lugo vivín o período máis interesante da miña vida”. O docente lembrou tamén as dificultades que sufriu durante o réxime franquista pola súa defensa da cultura e da lingua galega, facendo gala da súa habitual retranca e ironía.
A continuación, tivo lugar o recoñecemento a Rafael de Vega, no que participaron dous dos seus netos, Rafael Pérez de Vega e Santos de Vega Villa. No seu discurso, agradeceron o nomeamento e subliñaron que “este acto non é só un recoñecemento honorífico, é un xesto de reparación persoal cara alguén cuxa vida estivo guiada pola vocación de servir, curar e dignificar ao ser humano”. Engadiron que “recordar a memoria histórica e transmitir os valores de democracia que defendeu o noso avó é pechar feridas con verdade, xustiza social e reparación”.
O alcalde, Miguel Fernández, subliñou durante a súa intervención a importancia de “apelar á memoria colectiva para construír a xustiza social” e destacou “a pegada imborrable que ambas persoas deixaron na nosa cidade, unha herdanza de valores que enriquecerá ás xeracións futuras”. Engadiu que é “un día importante para todos e todas as lucenses”, pois, segundo indicou, “con estes nomeamentos tamén se distingue á cidade e ás persoas que traballaron por mellorala”. Fernández tivo ademais palabras de lembranza para a anterior alcaldesa, Paula Alvarellos, “quen impulsou estas distincións, ben a título particular, no caso de Rafael de Vega, ou recollendo as demandas veciñais para recoñecer a Xesús Alonso Montero, propostas que subscribo plenamente”. Ademais, destacou que Lugo recoñece así “a Alonso Montero polo seu papel clave na formación de xeracións de estudantes e na defensa da lingua galega, e a Rafael de Vega pola súa contribución pioneira á modernización da sanidade lucense e pola súa firme defensa do dereito universal á saúde”. Engadiu que ambos “son dúas figuras inspiradoras, exemplares e irrepetibles para Lugo”.
O alcalde entregou á familia a placa que recoñece a Rafael de Vega como “Fillo Adoptivo de Lugo polo seu exemplo de humanidade, polo seu compromiso coa sociedade e polo sacrificio que honra a nosa historia. A memoria é a forma máis digna que temos de facer xustiza”.
Os netos de De Vega aproveitaron tamén para lembrar a importancia de preservar a memoria histórica e advertiron que “os pobos que esquecen a súa historia están condenados a repetila”. Santos de Vega Villa, pola súa parte, felicitou a Alonso Montero “polo moi merecido nomeamento” e lembrou que tivera “a sorte de ser o seu alumno no instituto Lucus Augusti”.
O acto pechouse cun dos momentos máis emotivos da xornada: a lectura dunha das cartas que Rafael de Vega escribiu na cela número 33 do cárcere horas antes de ser fusilado, unha lembranza que converteu o patio do Vello Cárcere nun espazo de memoria, dignidade e recoñecemento.