Lugo obtivo unha riqueza de 35’5 millóns de euros grazas as licenzas concedidas en Xunta de Goberno
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ofreceu un balance da tramitación das licenzas que, no que vai de ano, tiveron resolución en Xunta de Goberno, dentro das que se atopan comprendidas as urbanísticas, de primeira ocupación, segregación e actividade, así como a caducidade das mesmas.
“En total, resolvéronse 269 expedientes, dos que 176 se corresponden con solicitudes realizadas por promotores e particulares neste mesmo ano, e as 93 restantes foron iniciadas en exercicios anteriores e, en moitos dos casos, ficaban pendentes de subsanacións”.
odas estas autorizacións promoveron un volume de negocio no municipio que alcanza, ata este momento, os 35.531.505 euros, “contribuíndo á súa recuperación económica e que, de seguro, axudou, alén, á dinamización e reactivación do sector da construción, mantendo e xerando emprego, con repercusión indirecta sobre outro tipo de negocios afíns como poden ser os de decoración, equipamento e mobiliario, etc”.
A alcaldesa lucense fixo fincapé, igualmente, en que estes procedementos que esixen da autorización do equipo de Goberno representan só ao redor do 10% do volume total de solicitudes que o Concello recibe ao ano, ao tempo que cuantificou en 3.535 as entradas de Rexistro que se levan contabilizadas no Servizo até o momento.
“A súa abordaxe se compatibiliza co desenvolvemento doutros proxectos importantes para a cidade relacionados co planeamento e a xestión, un aspecto que podemos exemplificar coa urbanización da esquina de San Roque, a contorna do edificio Impulso Verde ou os avances que, dun xeito máis discreto, se están acadando para culminar o PXOM ou para modificalo e permitir a descatalogación do edificio de Correos, próximo á futura Estación Intermodal”, recordou.
Asi, a rexedora puxo en valor o labor realizado polo persoal dos distintos departamentos que conforman a área de Sostibilidade Urbana “de xeito, que segundo recollía a propia Instrución elaborada polo Coordinador desta concellería, seccións como Arquitectura, Licenzas e Enxeñería resultan fundamentais como imprescindible é tamén o correcto engrenaxe e organización dos mesmos para que o seu traballo se reflicta en dilixencia para coa cidadanía”, engadiu Lara Méndez.
Medidas ás que sumou a dotación de recursos humanos, a posta en marcha de protocolos internos para a simplificación burocrática, a harmonización de criterios para as intervencións que se proxecten no ámbito do Pepri, e mesmo a elaboración dun marco normativo local como será a entrada en vigor da nova Ordenanza ou a modernización tecnolóxica do conxunto da Administración.
A este respecto, Méndez avanzou tamén que a sincronización das Plataformas electrónicas municipais e do Colexio Oficial de Arquitectos, que propiciou o intercambio directo da información entrámbolos dous organismos, permitiu que no último ano se tramita ran empregando esta vía ao redor dun cento de licenzas (95).
“A implantación de todas estas ferramentas ten un único obxectivo: resultar útiles á veciñanza e aos colectivos profesionais, como neste caso é o COAG, establecendo sinerxías e explorando novas vías de colaboración no futuro inmediato que teñan, como fin último, mellorar a función administrativa en prol do interese xeral”, concluíu a alcaldesa.