Lugo ofrece un curso gratuíto de reparación de eBikes e VMP para a mocidade

LugoXa
A formación desenvolverase na Casa da Xuventude os martes e xoves entre o 19 de xuño e o 22 de xullo
lugo-casa-da-xuventude
9 Jun 2025

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, pon en marcha un novo curso formativo e gratuíto dentro do programa +XTi: o Curso básico de reparación de bicicletas eléctricas e vehículos de mobilidade persoal (VMP).

A formación desenvolverase na Casa da Xuventude os martes e xoves entre o 19 de xuño e o 22 de xullo, en horario de tarde, sumando un total de 40 horas repartidas en 10 sesións. A proposta está dirixida a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos empadroados ou residentes en Lugo, cun máximo de 20 prazas.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, subliñou que esta iniciativa encaixa nun modelo de formación útil e práctica, pensada para responder ao interese crecente polo uso de vehículos alternativos e ao compromiso ambiental da mocidade. Recalcou tamén que “desde +XTi estamos a desenvolver unha programación ampla e diversa, que vai do lecer creativo á formación en competencias prácticas, pasando pola reflexión sobre saúde mental”.

As persoas interesadas poden inscribirse do 6 ao 16 de xuño a través da web www.lugomasxti.org, na sección Actividades/Inscricións. O curso é de balde, non require experiencia previa e trataranse aspectos básicos sobre mantemento e reparación de bicicletas eléctricas e patinetes. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar no 982 297 498.

⚙ Configurar cookies
0.17370104789734