Lugo ofrece unha aventura de verán gratuíta para a mocidade entre natureza e deporte

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude e coa colaboración do Plan Nacional sobre Drogas, pon en marcha unha nova proposta de lecer activo dentro do programa +XTi. Trátase de "Aventura +XTi", unha actividade gratuíta que combina natureza, deporte e convivencia nun contorno privilexiado da cidade.
A actividade desenvolverase durante os sábados 5, 12, 19 e 26 de xullo, en horario de 11:30 a 18:30 horas, nas instalacións do Club Piragüismo Cidade de Lugo (Os Robles). Cada xornada contará con 12 prazas, sumando un total de 48 prazas para participantes que desfrutarán dunha ruta en bicicleta eléctrica (eBike), un xantar ao aire libre e unha ruta en caiac polo río Miño.
O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, destacou que “Aventura +XTi é unha oportunidade perfecta para descubrir a contorna natural de Lugo mentres se promove un estilo de vida activo, saudable e compartido”. Engadiu ademais que “seguimos deseñando actividades que conectan coa realidade da nosa mocidade, con contidos útiles e experiencias que deixan pegada”.
A inscrición será totalmente gratuíta e poderá realizarse a través da web www.lugomasxti.org, na pestana Actividades/Inscricións, do 23 de xuño ás 9:00 h ata o 3 de xullo ás 19:00 h. A selección das persoas participantes farase por orde de inscrición, entre aquelas que cumpran os requisitos.
A actividade está dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos empadroados ou residentes en Lugo. No caso de non cubrirse as prazas, valorarase ampliar a inscrición a persoas fóra dos requisitos de idade ou empadroamento. Os menores deberán achegar autorización asinada.