Lugo pon en marcha as propostas para conmemorar o Día da Xustiza Social

LugoXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou este martes as xornadas organizadas pola Rede de Técnicas e Técnicos de Inserción Laboral de Lugo con motivo da celebración do Día da Xustiza Social.
xornada_xustiza_social
20 Feb 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, inaugurou este martes as xornadas organizadas pola Rede de Técnicas e Técnicos de Inserción Laboral de Lugo con motivo da celebración do Día da Xustiza Social. Este ano, o tema protagonista foi a trata e explotación laboral, onde a subdelegada xunto co concelleiro de Dinamización económica, Mauricio Repetto, e a concelleira de Benestar Social e Maiores, Olga L. Racamonde, foron os encargados de realizar a apertura.

Ao comezo do acto, a subdelegada remarcou a necesidade de que dende todos os eidos sociais, políticos e económicos “promovamos o traballo digno a través da creación dunha axenda xusta que estea baseada en dereitos fundamentais, oportunidades, protección social e diálogo social”. Citou o artigo 45 da Constitución para lembrar que “vén recollido o dereito ao traballo no marco do noso Estado de Benestar, un pacto consolidado arredor do acceso á sanidade, á educación e coa mirada posta en garantir melloras no eido laboral”. Argumentou neste senso a importancia de defender o traballo digno como a base da igualdade de oportunidades e a xustiza social para todas as persoas.

 

 

Na celebración desta xornada, a subdelegada destacou que conlevou un traballo arduo “de consolidación dos principios reitores do noso sistema económico e social para atender ás demandas da sociedade”, pero tamén incidiu en que “aínda queda moito por facer para mitigar a desigualdade e a pobreza e apostar por unha protección social máis ampla”. Recordou que dende o Goberno activáronse medidas como o Ingreso Mínimo Vital co obxectivo de mellorar e acadar a inclusión social e laboral de máis de 10.000 persoas na provincia de Lugo. Tamén fixo mención á revalorización das pensións, “un incremento xusto e necesario”.

Para rematar, a subdelegada falou dos grandes retos e transformacións que quedan por afrontar como o de garantir a creación dun emprego xusto e de calidade, a conciliación laboral, ou a loita contra o cambio climático. Ao fin da súa intervención subliñou que “a igualdade e a xustiza social son as auténticas chaves da democracia”.

Mesa redonda

A xornada comezou coa intervención de Rosa Mosquera, de Ecos do Sur, quen profundizou sobre o contexto da situación migrante galega vencellada ao emprego, aportando unha visión sociolóxica da migración e a afectación da situación de explotación.

A continuación, a avogada de Diaconía Madrid, Cristina Puigdengolas falou da captación a través de redes de persoas para a explotación laboral, e finalizou o Capitán xefe da Policía Xudicial da Garda Civil, José M. Sánchez Murias, para analizar o compoñente dixital da captación. Ademais, abordou a explotación laboral por parte de persoas empregadoras e outros axentes así como o labor do corpo ante este tipo de situacións.

0.18478012084961