Lugo pon en marcha o proxecto ‘Camiño ás Aulas’ en cinco centros escolares da cidade

Nos próximos días comezará en Lugo o proxecto Camiño ás Aulas, unha iniciativa de Vieiros Escolares Seguros que se implantará nos CEIP Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai e Rosalía de Castro.
A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou que as familias destes centros recibirán nos vindeiros días unha carta informativa co funcionamento do servizo e os percorridos establecidos para cada colexio.
O proxecto consistirá no acompañamento diario do alumnado por parte de monitores, durante todos os días do curso escolar. As rutas contarán con diversos puntos de recollida para que os nenos e nenas poidan unirse no tramo máis próximo ao seu domicilio, asegurando a chegada ao centro como máximo cinco minutos antes da entrada.
Iria Buide destacou que esta medida “facilita a conciliación familiar, promove hábitos de vida saudables e contribúe á redución do tráfico rodado nas contornas escolares”. A iniciativa xa foi probada con éxito como proxecto piloto no CEIP Albeiros, e agora amplíase a máis centros “para achegala a un maior número de familias”, explicou a concelleira.
O Camiño ás Aulas supón tamén un avance cara a un modelo de mobilidade máis sostible e segura. “As actuacións de calmado de tráfico desenvolvidas pola área de Mobilidade nos últimos anos fan posible habilitar estes vieiros escolares, garantindo a seguridade viaria”, engadiu Buide.
O Concello de Lugo destina 17.844,75 euros á posta en marcha deste proxecto, cunha duración inicial dun ano, prorrogable ata un máximo de tres.
Rutas dos Vieiros Escolares por centro:
-
CEIP Paradai: Rúa Santo Graal (cruce con Rúa Manuel María), Rúa Camiño Real, Rúa Menorca, Rúa San Lourenzo.
-
CEIP Albeiros:
-
Ruta 1: Confluencia da Avenida da Coruña coa Rúa Xenebro (continúa por esta rúa ata o centro).
-
Ruta 2: Confluencia da Avenida da Coruña coa Rúa Illas Canarias, Rúa Illa Madeira, Rúa Garaballa de Arriba.
-
-
CEIP Abella: Rolda do Carme con Marqués de Ombreiro, Avenida das Américas 36-38, Rúa Ameneiro, Rúa da Saúde, Rúa Orquídea.
-
CEIP Rosalía de Castro: Avenida da Coruña 53, Porta de San Pedro, Rúa San Roque, Rúa Cambria.
-
CEIP Luís Pimentel: Rúa Manuel María (aparcadoiro disuasorio), Avenida da Coruña, Rúa Ferreiriño, Rúa Lavandeira, Rúa Gallego Tato.
Con esta medida, o Goberno local continúa avanzando na creación de espazos escolares máis seguros, saudables e accesibles para o alumnado e as súas familias.