Lugo pon en marcha un plan para a limpeza dos barrios
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá que, a partir de hoxe a área de Medio Ambiente porá en marcha un plan de concentración de dispositivos municipais para abordar, dunha maneira integral, a limpeza dos barrios.
A rexedora explicou que, deste xeito, o Concello articulará un amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís – apoiados polas brigadas municipais – para unificar os esforzos por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar o labor ordinario que se leva a cabo diariamente.
Un esforzo que se manterá mentres non se licita o contrato de mantemento de parques e xardíns - cuxos pregos se levarán á Xunta de Goberno, para a súa aprobación, no vindeiro mes de xullo - e non se adxudica o da limpeza viaria e recollida de lixo, “que se prevé poida outorgarse antes de que remate o verán, xa que proximamente se celebrará unha nova Mesa de Contratación para volver avaliar as ofertas, cun novo informe do servizo de Medio Ambiente ao respecto da última resolución do TACGAL (Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia)”, avanzou a alcaldesa.
“Optamos por centralizar nun mesmo emprazamento as tarefas de conservación de todos os espazos públicos dunha mesma zona, abordando cuestións como a sega do céspede, a ornamentación floral, a hixienización de dotacións como as illas de reciclaxe ou os elementos de xogo dos parques infantís co ánimo de mellorar non só a imaxe destas localizacións e das infraestruturas que poñemos a disposición da veciñanza, senón tamén a súa calidade de vida, comezando pola propia percepción que teñen da confortabilidade do sitio no que residen”, afirmou Lara Méndez.
Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, indicou que, “nos vindeiros meses levaranse a cabo en cada barrio, co obxectivo de incrementar a eficacia das tarefas que abranguen, de forma simultánea e coordinada, a roza - tanto de vías como de predios municipais - o varrido mixto das rúas e bordos – para o que se mobilizará unha varredora e un peón con soprador - a limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, o baldeo das rúas e perfilado do céspede; desherbaranse os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos”, incidiu Miguel Fernández.
Actuacións, todas elas, que foron planificadas dende Medio Ambiente coas empresas concesionarias dos diferentes servizos e que hoxe mesmo daban comezo no barrio do Castiñeiro.