Lugo pon en marcha un plan piloto de taxi a demanda nas parroquias rurais

O tenente alcalde e edil de Mobilidade, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, reuniuse coas veciñas e veciños de Labio, un dos núcleos seleccionados para iniciar o plan piloto de taxi a demanda.
Arroxo explicou que “Lugo pode ser a segunda cidade do estado en contar cun sistema que permita á veciñanza das parroquias sen servizo de bus solicitar un taxi para achegarse ata a cidade a custo reducido”.
O responsable municipal destacou que se porá en marcha un servizo que permitirá á veciñanza desprazarse baixo demanda, dado que o bus urbano non chega ás 54 parroquias do concello. Este transporte rural a demanda contará cunha plataforma de control que permitirá ao Concello coñecer tanto a demanda do servizo como os percorridos realizados por cada vehículo.
O funcionamento será similar ao do bus urbano, conectando as parroquias con rutas predefinidas e mantendo o prezo do billete do bus urbano, sempre que a veciñanza solicite o servizo con antelación. Arroxo subliñou que “sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible”.