Lugo prepara a súa tradicional viaxe á neve á estación de Leitariegos

LugoXa
A excursión, dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos, celebrarase o sábado 10 de xaneiro
Excursións-á-neve-de-Xuventude-Lugo
5 Jan 2026

A Área de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo ten xa todo listo para unha das actividades máis destacadas da súa programación de inverno, a tradicional viaxe á neve que nesta edición terá como destino a estación invernal de Leitariegos, situada en León. A actividade aínda conta con prazas dispoñibles e as persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do formulario habilitado na web municipal antes das 11.59 horas do venres día 9.

A excursión desenvolverase o vindeiro sábado, 10 de xaneiro, cunha saída prevista ás 08.00 da mañá e regreso arredor das 20.00 horas, tendo como punto de partida e chegada a Casa da Xuventude. Para esta proposta, o Concello reservou un total de 50 prazas co obxectivo de facilitar a práctica dos deportes de inverno nunha das estacións máis valoradas polos amantes da natureza, tanto pola súa contorna como polas vistas privilexiadas á cordilleira cantábrica.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, destaca que se trata dunha das actividades incluídas na programación de inverno municipal, na que participan veciños e veciñas de diferentes idades afeccionados aos deportes de neve. Segundo sinalou, esta iniciativa permite non só a práctica destas disciplinas deportivas, senón tamén pasar a xornada completa na estación invernal Val Laciana-Leitariegos, que definiu como unha auténtica xoia natural situada na fronteira entre Asturias e León e un dos espazos máis destacados do turismo de montaña.

A viaxe está dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos e contará tamén coa participación do grupo de persoas gañadoras da xincana En busca do cofre perdido, celebrada o pasado ano na Casa da Xuventude. A asignación das prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición ata completar o aforo dispoñible.

⚙ Configurar cookies
0.081744194030762