Lugo prepara un plan de tráfico para a marcha ciclista do 25 aniversario da Muralla

LugoXa
O percorrido do evento do domingo 30 afectará temporalmente o tránsito e o estacionamento no centro da cidade
plan-de-trafico-volta-ciclista-Muralla-Lugo
19 Nov 2025

A concellería de Infraestruturas Urbanas de Lugo vén de elaborar o Plan de Tráfico específico para a marcha ciclista popular que se celebrará con motivo do 25 aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade. A proba terá lugar o domingo 30 de novembro, a partir das 11:45, e constará de dúas voltas arredor da Muralla, entrando tamén no centro da cidade.

O percorrido comezará na Praza da Mosqueira, dando unha volta completa á Muralla, con paradas para o reagrupamento fronte ás portas de Bispo Odoario e na Mosqueira, e continuará cunha segunda volta que entrará ao centro pola rúa Montevideo, seguindo por Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Raíña, praza Maior, Bispo Aguirre e regresando á Mosqueira, onde rematará.

Durante o desenvolvemento da proba será necesario limitar temporalmente o tránsito de vehículos pola Rolda da Muralla e restrinxir o estacionamento nas rúas afectadas. O Goberno de Lugo informará previamente á veciñanza mediante carteis nos días previos ao evento (xoves 27, venres 28 e sábado 29 de novembro), colocados en todos os vaos de garaxes e portais dos edificios afectados, detallando as rúas polas que transcorre o evento e a data e hora dos cortes de tráfico, para que a veciñanza poida organizarse convenientemente.

Ademais, nos accesos á zona afectada instalaranse sinais que informen do corte de tráfico, e durante a marcha, a Policía Local, en coordinación con Protección Civil, dispoñerá de efectivos para garantir o cumprimento das restricións temporais.

⚙ Configurar cookies
0.074321985244751