Lugo prepara unha cabalgata de Reis con mundos fantásticos, catro carrozas e dezaseis espectáculos

O Concello de Lugo avanza nos preparativos da Cabalgata de Reis coa supervisión da montaxe das carrozas por parte do tenente alcalde, Rubén Arroxo, e da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro. As súas maxestades os Reis de Oriente percorrerán a cidade o día 5 de xaneiro a bordo de catro carrozas que, tras a súa chegada a Lugo, están a ser engalanadas e acondicionadas para participar nun desfile que este ano contará con acompañamento musical e un total de dezaseis espectáculos pensados para facer vibrar ao público asistente.
Maite Ferreiro sinalou que a proposta incorpora un novo espectáculo co obxectivo de que as nenas e os nenos de Lugo poidan recibir aos Reis Magos cunha gran cabalgata marcada pola música e por montaxes novidosas e de calidade. A edición deste ano xira arredor dos mundos fantásticos e das criaturas que os habitan, universos nacidos da ficción literaria, do cinema, dos xogos de rol e da tradición oral. Contos de fadas, historias cheas de maxia e relatos imaxinarios que non se rexen polas leis da realidade servirán de fío condutor a unha caravana poboada por elfos, fadas, animais fantásticos e seres míticos que darán vida ao desfile.
O percorrido manterá o trazado habitual. A comitiva partirá do Parque da Milagrosa ás 18:00 horas e avanzará pola avenida da Coruña para entrar no recinto histórico pola Porta de San Fernando. Desde alí continuará polas rúas San Fernando e San Marcos ata a praza de Santo Domingo, seguirá pola rúa da Raíña e concluirá o seu camiño na praza Maior, onde se prevé a chegada arredor das 19:30 horas.
Melchor, Gaspar e Baltasar disporán de catro carrozas, unha para cada Rei Mago e outra destinada a transportar os agasallos de todas as nenas e nenos de Lugo. As plataformas, ambientadas na temática fantástica da cabalgata, levarán ás súas maxestades por escenarios que van desde o fondo do mar ata os ceos e máis alá de onde rematan os mapas coñecidos. Criaturas imaxinarias acompañarán a cada un dos Reis e un vello amigo da cidade, na súa versión máis xigantesca, encargarase de velar para que non se extravíen os agasallos.
Rubén Arroxo destacou que a Cabalgata de Reis é, xunto co San Froilán, un dos eventos que máis xente congrega ao longo do ano en Lugo e que, segundo os datos dos servizos municipais, adoita reunir entre 40 e 50 mil persoas en cada edición.