Lugo prepara unha gran batalla de galos na Praza de Augas Férreas

O Concello de Lugo, a través da área de Xuventude e Deporte, organiza para o vindeiro 6 de setembro unha gran batalla de galos na Praza de Augas Férreas.
Trátase dunha actividade gratuíta á que poden apuntarse todas as persoas interesadas en competir polo título de mellor rapero ou rapera, cun prazo de inscrición aberto ata o 29 de agosto na web Urban Tour.
Desde o departamento municipal animan á mocidade lucense a participar nesta iniciativa, incluída no programa +xti e financiada polo Plan Nacional sobre Drogas, que permitirá aos participantes demostrar as súas habilidades no rap, a improvisación, o ritmo, a capacidade de crear rimas e todo o talento que require este estilo musical urbano.
O concelleiro de Xuventude e Deporte, Jorge Bustos, destacou que se trata dunha xornada para poñer a proba as dotes de improvisación nun estilo musical vinculado á cultura do hip hop. A batalla contará coa participación de Lesoul33 como speaker, quen realizará unha exhibición e competirá contra o vencedor da xornada. LE33, referente nacional, chegou aos cuartos de final do Red Bull 2025, o campionato de rap máis importante de España.
Ademais, o xurado estará formado por Yosua, Kastro e Toro, mentres que o DJ Sam the Lord of the Tree animará o evento. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do 29 de agosto e achegar un vídeo mostrando a súa capacidade para improvisar rimas, que servirá como carta de presentación. O xurado seleccionará un máximo de 16 participantes para a competición do 6 de setembro.