Lugo prepárase para a chegada do Urban Tour 3.0
O Urbantour 3.0 chega a Lugo, da man do Executivo de Paula Alvarellos, a través da Área de Xuventude e Deportes que dirixe Jorge Bustos. A iniciativa, que combina street dance e batallas de gallos, procura promover a cultura urbana e ofrecer alternativas de ocio saudable para a mocidade. “Co Urban Tour 3.0, buscamos non só ofrecer un espazo de lecer e entretemento, senón tamén crear un ambiente onde a mocidade poida gozar e aprender sobre a importancia de evitar condutas aditivas", sinala o edil.
O prato forte da actividade será o evento que se celebrará o 13 de setembro, ás 19.00 horas, na Praza Augas Férreas. A batalla de gallos, que terá o acceso libre e de balde para o público, contará cun total de 16 participantes seleccionados por distintos méritos: 4 por méritos a nivel nacional, 4 por votación popular e 8 por casting. O obxectivo é promover o talento local e nacional, así como fomentar a participación da cidadanía a través de votacións populares. Ademais, as persoas asistentes poderán gozar coas exhibicións do outro gran atractivo do programa: as mastersclass de street dance.
Os participantes competirán por premios en metálico, co primeiro posto recibindo 200 euros e o segundo posto 100 euros. As inscricións están abertas a partir do 15 de xullo a través da páxina web oficial, www.urbantour.es.
O Urban Tour 3.0 non se limita só á competición e, durante o verán, levaranse a cabo varias formacións sobre estilos de baile urbanos por parte das academias Stardance, Ritmo Lugo e Gravitty. A Praza de Augas Férreas será o escenario destas sesións os xoves 1, 8, 15, 22 e 29 de agosto e o 5 de setembro, cuxo inicio será sempre ás 19.00 horas, e que culminarán coa posta en escena na batalla final o 13 de setembro. Segundo Bustos, “estas masterclass non só son unha oportunidade para aprender e mellorar habilidades de baile, senón tamén un medio para difundir mensaxes preventivas e promover unha vida libre de adicións”. En caso de choiva, as masterclass realizaranse nas instalacións das academias correspondentes.
O Urban Tour 3.0, que forma parte da programación do +XTí, é unha mostra do compromiso do Executivo de Paula Alvarellos coa mocidade e a promoción de hábitos de vida saudables. As actividades, todas gratuítas, non só proporcionan entretemento, senón que tamén serven como plataforma para educar e concienciar aos mozos sobre os perigos do consumo de alcol e outras drogas. O edil salienta que “estar libre de adiccións permite aos mozos desenvolver plenamente as súas capacidades, mellorar nos seus estudos e deportes, e gozar de relacións sociais máis sas”. O programa +XTí, financiado polo Plan Nacional sobre Drogas, avoga polo uso responsable de novas tecnoloxías e a prevención de comportamentos aditivos. “Unha sociedade ben informada e formada sobre as adiccións será máis capaz de convivir con elas e reducir o risco de establecer relacións conflitivas”, conclúe Bustos.