Lugo prepárase para a festa do Becerro ao Espeto na Piringalla

A Xunta renova a súa colaboración coa celebración do Lumenovo da Piringalla, a tradicional festa do Becerro ao Espeto, que chega á 24ª edición o vindeiro luns, 23 de xuño.
A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación das actividades, organizadas pola asociación San Isidro dese barrio lucense. Participaron o delegado territorial, Javier Arias, e membros do colectivo, entre eles o seu presidente, Ricardo Varela.
A celebración comezará ás 18,00 horas cunha sesión de zumba infantil, seguida da degustación do becerro ás 20,30 horas. Ás 22,00 horas actuará a orquestra Solara e á medianoite acenderase a fogueira.
Arias aproveitou para lembrar as recomendacións da Xunta a toda a cidadanía co fin de desfrutar da noite de San Xoán de forma sostible e respectuosa co medio ambiente. En concreto, a Administración galega reitera a importancia de evitar os espazos protexidos e seguir as indicacións de cada concello no relativo ás zonas con limitacións ou prohibicións para facer cacharelas. Tamén anima a queimar unicamente madeira, fronte a outro tipo de materiais que poden resultar perigosos e contaminantes.
Así mesmo, o decálogo de boas prácticas Por un San Xoán de 10!, promovido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático con motivo desta xornada festiva, apunta outras condutas xerais para que este tipo de celebracións non deixen “pegada” no medio ambiente.
En especial, incide na necesidade de recoller os refugallos xerados e depositalos nos contedores correspondentes. Tamén avoga por usar envases e bolsas reutilizables para reducir a xeración de residuos; ou por diminuír o desperdicio alimentario, tratando de axustar a cantidade de comida e bebida ao número de asistentes.