Lugo prepárase para a XX edición do Concurso de Tapas con máis de 40 establecementos

A XX edición do Concurso de Tapas de Lugo celebrarase entre o 7 e o 23 de novembro, cunha ampla participación da hostalería local. Os establecementos ofrecerán as súas creacións a todas as persoas que desexen degustalas e puntualas, converténdose así en xurado popular para elixir a tapa gañadora e as finalistas, que logo serán avaliadas por un xurado profesional.
As persoas que participen poderán votar mediante un cupón individual, que deberá ser selado polos establecementos participantes. Cada tapa poderá recibir unha puntuación do 1 ao 5, e todos os cupones presentados entrarán no sorteo de distintos premios, cuxo valor dependerá do número de establecementos puntuados.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou a importancia do certame para a cidade e para a promoción turística como destino sostible, así como para o sector da hostalería. Durante un encontro co presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, Ferreiro subliñou que este ano participarán máis de 40 establecementos. Pola súa banda, Cheché Real resaltou “o compromiso da área de Turismo co sector da hostalería na realización deste concurso”.