Todo listo para o Arde Lucus 2025: datas, actividades e novidades do gran festival romano de Lugo

A XXIV edición do Arde Lucus, a festa de recreación histórica que se celebra os vindeiros días 12, 13, 14 e 15 de xuño, incluirá máis de 300 actividades, incorporando novidades dirixidas ao público máis novo, para garantir o relevo xeracional dun evento, que segue a medrar e que aposta por unha maior participación.
Na presentación do programa, que tivo lugar esta mañá fronte á mosqueira e á que asistiron o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, e representantes de asociacións de recreación histórica, o rexedor municipal puxo en valor as “case 320 actividades deste programa excepcional, inclusivo e innovador” para esta nova edición que se desenvolverá entre os próximos días 12 e 15 de xuño, e que por terceiro ano luce a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, eloxiou o labor dos traballadores e traballadoras da área de Xuventude que “levan meses planificando e organizando as actividades desta festa”, da que destacou a súa “faceta participativa e a súa capacidade para seguir medrando”.
Fernández dixo que o Arde Lucus distínguese polo “grao de implicación de toda a sociedade lucense; dos centos de nenos e nenas, desfilando polas rúas da cidade, animados polos centros de ensinanza; das asociacións de recreación histórica tanto de Lugo como doutros lugares, xa que este ano chegarán once colectivos doutras comunidades españolas e tamén de Portugal; da complicidade dos sectores cultural, social, comercial e deportivo que fan seu o Arde Lucus, e da participación de milleiros de visitantes de España e de fóra das nosas fronteiras”.
Todo iso, explicou Miguel Fernández, “converten ao Arde Lucus nun referente internacional das festas de recreación histórica e nun dos motores da cidade, que cada ano chega para reforzar o orgullo pola nosa identidade”.
Novidades do programa
A edición deste ano chega tamén con importantes novidades e coa celebración de segundas edicións de actividades que o ano pasado lograron un éxito de público importante. Este é o caso do inicio da festa coas intervencións do druída e de César Augusti na praza Maior, no que simboliza o arranque do Arde Lucus; novidades como o espectáculo Misión Salvar a Roma, en colaboración co Club de Esgrima de Lugo, ou o teatro infantil na praza de Santa María; e a celebración das segundas edicións da Palestra ou dos Xogos Panhelénicos.
Tamén o concelleiro responsable da organización destas festas, Jorge Bustos, falou sobre as novidades que este ano incorpora o programa, algunhas moi dirixidas ao público infantil e á xuventude. “Nas últimas edicións do Arde Lvcvs un dos principais obxectivos á hora de elaborar o programa é incorporar actividades cada vez máis participativas e coas que garantir o relevo xeracional da festa”, explicou Bustos.
Neste sentido, fixo referencia ao desenvolvemento do Miúdo Arde, que desde este ano se desenvolverá na Praza da Soidade, nun espazo único e reservado aos cativos e cativas, ou á novidade da sesión de teatro infantil, prevista para a tarde do domingo na praza de Santa María. O responsable da área e da organización desta festa sinalou ademais que “haberá novidades para a mocidade, como os Ritos en honor a Baco, o venres, de 23.00 a 02.00 ao fondo da Praza de Santo Domingo”.
Jorge Bustos tamén falou das actividades deportivas, “con gran aceptación entre a xente nova, e para as que contamos coa participación e implicación dos clubs deportivos da cidade”.
Entre outras destacou como novidade deste ano a actividade infantil Misión Salvar a Roma, coa colaboración do Club Lugo Esgrima, que terá lugar na tarde do venres, nas costas do parque Rosalía de Castro.
Ademais, sinalou Bustos “decidimos incluír por segundo ano os Xogos Panhelénicos: con carreira, salto, lanzamento de xavelina, lanzamento de disco e loita, na explanada do pavillón municipal; os xogos olímpicos na Palestra do Arde Lvcvs, o venres na Praza do Ferrol; ou tamén a recuperación da carreira nocturna, o venres ás doce da noite, polo adarve da Muralla”.