Lugo prepárase por se o CB Breogán chega á final da Copa do Rei
Se o CB Breogán chega á final da Copa do Rei de Baloncesto, Lugo terá unha pantalla xigante para seguir o encontro e mostrar o apoio ao equipo lucense.
O conxunto celeste, que se clasificou para o campionato por segunda vez na súa historia, terá como primeiro rival, en cuartos de final, ao Real Madrid (21.30 horas) e, de clasificarse, mediríase en semifinais ao equipo gañador do Joventut-Lenovo Tenerife o sábado 19 (18.30 horas). A final está prevista para o domingo 20, ás 18.30 horas.
A proxección da retransmisión da final nun espazo público permitiría reunir a afección celeste e trasladar a toda a cidade o entusiasmo con que os seareiros e seareiras están a vivir a clasificación do equipo para a competición, na que participou por última vez en 1990.
Ante a posiblidade de que o equipo celeste alcance a final, a Tenencia de Alcaldía e a Vicepresidencia da Deputación traballan na xestión da loxística necesaria para a proxección, barallando diferentes ubicacións, en función da meteoroloxía, para a organización do evento co obxectivo de recrear o ambiente do Pazo de Deportes para un partido que sería histórico para o baloncesto galego.