Lugo presenta a candidatura do Vello Cárcere como Lugar de Memoria Democrática

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibirá o vindeiro mércores 3 de setembro ao secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, no complexo de O Vello Cárcere.
A visita ten como obxectivo mostrar o resultado da rehabilitación integral do inmoble e presentar formalmente a súa candidatura para ser recoñecido como Lugar de Memoria Democrática.
Martínez, historiador e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Almería, é unha das figuras máis destacadas no estudo do republicanismo, a memoria histórica e a represión franquista. Foi director xeral para a Memoria Histórica entre 2018 e 2019 e actualmente é secretario de Estado, ademais de senador por Almería.
“O Vello Cárcere é moito máis ca un edificio recuperado: é unha referencia da historia da nosa cidade e un espazo que fala do compromiso de Lugo coa memoria e cos valores democráticos”, afirmou Miguel Fernández, quen salientou que a candidatura “non é só un trámite administrativo, senón unha maneira de recoñecer a verdade e dignificar a memoria de todas as vítimas da represión”.
A antiga prisión, inaugurada a finais do século XIX, foi escenario da represión durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. Polas súas celas pasaron numerosos presos políticos, entre eles o doutor Rafael de Vega, moitos deles condenados a longas penas ou á morte. Co tempo, a súa memoria converteuse nun símbolo do silencio e da represión que forma parte da identidade histórica de Lugo e de Galicia.
O proceso de rehabilitación impulsado polo Concello permitiu recuperar o valor patrimonial e arquitectónico do edificio, que hoxe funciona como centro cultural aberto á cidadanía, acollendo exposicións, programas sociais e actividades de divulgación que fomentan a reflexión crítica e a defensa da democracia.
O recoñecemento como Lugar de Memoria Democrática suporía un paso máis na dignificación das vítimas e no compromiso da cidade coa xustiza histórica. “Lugo ten o deber e a vontade de conservar este espazo como testemuña viva do que nunca debe repetirse”, engadiu o alcalde, quen destacou que cada actividade en O Vello Cárcere “é unha chamada a lembrar e a construír unha sociedade máis xusta e máis libre”.
A visita de Fernando Martínez reforzará a candidatura e permitirá avanzar na súa inclusión no rexistro estatal de lugares de memoria, un recoñecemento que consolidaría a Lugo como referente na preservación da memoria histórica en España. “Este paso é tamén unha oportunidade para proxectar a Lugo no ámbito estatal como unha cidade que defende a súa historia e que aposta pola memoria democrática como parte do seu presente e do seu futuro”, concluíu Fernández.